sábado, 1 de febreiro de 2014

Apuntes de Toponimia de Burela



Esperamos que esta información de topónimos existentes no concello poda ser de utilidade para alguén que sinta curiosidade polo tema. 
Non é apenas unha colección de información: procuramos aportar unha interpretación. Tampouco é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente.


-----------------------------------------------------------------------------------------------

A ABESADA 
Forma deturpada por "Vesada", do latín ‘terra versata’ "terra virada", de versu  ‘rego aberto polo arado’ e de versare ‘virar, voltear’.

A ANIVERSARIA
O termo "aniversaria" é sinónimo de "aniversario", e indicaría que o terreo ou lugar foi deixado en herdanza coa obriga dunha renda anual, a pagar nunha determinada data do santoral. 
En efecto, era relativamente frecuente que os testamentos establecesen a obriga anual aos herdeiros, de dar misas de "aniversaria" polo finado, ou esmola aos pobres, e incluíndo tamén por veces a cesión de foxa para o enterramento, na igrexa ou no camposanto. Por veces esta obriga quedaba en forma dun foro ligado ao terreo testado. Esta tradición, co mesmo nome,  deuse non só en Galiza senón en Portugal (cf. "anniversaria", en Viterbo, "Elucidário"), ou en Asturias (cf. aquí).

Aínda que nos dicionarios actuais de galego non figura "aniversaria",  si figura no galego medieval, tanto "aniversaria" como "universaria". Así por ex. en 1284 "sobre razon da uniuerssaria... por razon da uniuerssaria" (cf. R. Lorenzo, 1977, "La traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla". Vol. II").
Tamén figura no portugués medieval, así en 1314 "hajão os conegos huum maravidil cad' anno por nossa anniversaria" (cf. s.v. Viterbo, "Elucidário").

É un topónimo relativamente frecuente, así dáse en Ribadeo, Burela, Mañón, As Somozas, San Sadurniño, Ferreira, etc.

A BALEA
Sendo unha punta costeira, relacionado co avistamento ou pesca da balea.
A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa  en 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Bares e San Cibrao  aparecen citados en 1291, e continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII. De Burela hai documentos ao respecto de 1527, de Nois e Rinlo no comezo do século XVII, e pouco despois Portocelo e Morás (1635), etc.

Nos primeiros tempos, do século XIII ao XV, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos. Desde a década de 1550, constátase en varios portos, como San Cibrao e Bares, actividade baleeira local. A finais do século XVI, os galegos tiñan desprazado totalmente os baleeiros vascos.
A captura intensiva neses séculos levou á práctica extinción  da especie nas costas galegas a finais do século XVII, cesando a actividade baleeira costeira.

Cf. aquí.

Figura atestado no ano 1291 un préstamo aos baleeiros de Bares:  "Et disso que pinnorara aos baleeyros de Vares vi çentos mor" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

A CHAVIÑA
Probabelmente diminutivo de "Chave", relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un “recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados” (cf. Elucidário). 

Aínda que improbábel, dada a abundancia do topónimo "A Chave" por toda a Mariña, tampouco podemos desbotar neste caso, sendo un núcleo de poboación, que derive de *(villa) Flavina, dun antigo posuidor chamado Flavinus, hipocorístico de Flavius, nome de orixe latina. A existencia doutra "A Chaviña"  nunh zona de prados, non habitada, en Rúa (Cervo), parece reforzar aínda máis o improbábel desta segunda interpretación.


A GALLETA
O nome "Galleta" deste cantil indica "cantil rochoso", e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. 
Hai tamén en Burela a "Ronca das Gallas", outro cantil coa mesma orixe.
Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.

A GRANDA
O termo "granda" ou "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

A GRALLEIRA
O nome deste lugar,  indica "lugar onde abundan os grallos"; é sinónimo de "grallal", do que tamén existe o correspondente topónimo en Covas (Viveiro).

A LAGOA
Do latín lacuna 'concavidade'. É interesante notar que, nese senso de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media: "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova).

A LÓNGARA
O termo "lóngara" significa "terreo de forma alongada".

A MAROSA
Etimoloxía incerta.
Posiblemente da raíz prerromana *mar-, *mor- 'pedra, rocha', moi frecuente na toponimia galega, segundo distintos investigadores.
Así, p. ex. P. Martínez Lema cita A Marola (nome dun famoso illote do concello de Oleiros), o monte da Marola Grande (Monfero) ou a illa da Morosa (Corrubedo) e o dun illote da Morosa (Cambados) e a praia da Amorosa (Viana do Castelo, Portugal). Coa mesma raíz os varios Maroña(s), co típico sufixo prerromano -oña. 

Apunta tamén P. Martínez que na colección diplomática do mosteiro de Santa María de Meira, é citado un Pelagio Marose que, talvez, podería corresponder con este topónimo.

A PUÍDA
O termo "puída" é o mesmo que "polida, brillante". 

A TIÑOSA
O topónimo "Tiñosa", neste caso asociado a unha punta ou cabo,  é de orixe incerta.
A primeira vista, sería derivado de "tiña", nun sentido figurado (p. ex. 'rocha pelada'). Alternativamente, podía derivar da base  hidronímica   paleoeuropea *tin-, derivada da raíz *ta- 'derreterse, fluír lentamente'.
Neste caso, semella a priori máis próxima a idea hidronímica, aínda que se volve imposible elexir unha das alternativas sin documentación antiga.
O profesor Bascuas analizou estes topónimos "Tiñoso", "Tiñosa", sen inclinarse, nin pola orixe romance en "tiña" nin pola prerromana. Cf. p. 105 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

A VENDA 
O topónimo deste núcleo de poboación deriva do latín ‘vendita’, referido a unha antiga venda (pousada), as cais se situaban á beira das estradas.

A VESADA 
Do latín ‘terra versata’ "terra virada", de versu  ‘rego aberto polo arado’ e de versare ‘virar, voltear’.

ANCARES
O topónimo "Ancares" é interpretado en xeral en relación ao apelativo "anco", definido no dicionario como "codo, recodo, cosa encorvada", e tamén como "ángulo o recodo en un terreno, en una ensenada o puerto, en una carretera o en la cúspide de un monte". Cf. E. Rodríguez, 1958-1961, "Diccionario enciclopédico gallego-castellano"aquí.
Para estes "Ancares" de Burela,  tería un significado de conxunto de "ancos" ou "pequenas enseadas costeiras".

No concello de Burela existen tres topónimos "Ancares" contiguos "Punta de Ancares", "Río de Ancares", e "Ronca de Ancares", os cales referencian a unha zona de costa con pequenas enseadas.

O topónimo "Ancares", referido á "Serra dos Ancares", foi estudado por Nicandro Ares, que o considerou de orixe prerromana, a partir da raíz indoeuropea *ank- 'dobrar, curvar', e que o interpretou cun significado semellante a "angulares". Figura atestado como Anquares nun documento atribuído ao ano 569. Cf. N. Ares, "El Progreso", 21-XI-1979.
Posteriormente, Bascuas interpreta a súa orixe e significado dun modo similar. Cf. p.823 de E. Bascuas, 2006,"La Diosa Reve y los trasancos", in "Estudios Mindonienses", núm. 22.

É interesante reparar no "fouciño de anca", que rexistra Rivas Quintas como "hoz de cortar el tojo, recia y que forma codo junto al mango" (cf. DdD), que confirma, xa que logo, ese significado de "curva, cóbado".

AS BACELAS
Probablemente diminutivo de "barcia" (terreo chan de cultivo, preto dun río), tal como veremos.
A priori poderíamos interpretalo como relativo a "bacelos" 'vides novas', termo común a galego e portugués. O femenino sería soamente un indicador de tamaño diferente a un bacelo.
Temos un topónimo "Bacelos" en Xove e "O Bacelo" en Xove.

A respecto da etimoloxía de "bacelo", Sarmiento, e logo Corominas, derívano do latín bacillum ‘bastonciño’, diminutivo de baculum ‘bastón’, ao lembrar os bacelos a forma dun bastón  (cf. Corominas, DCECH, s.v. bacillo). No entanto,  existe tamén a variante "barcelo", e igualmente no castelán de León barcillo, que fan pensar noutra acepción: Sobreira explica bacelo como variante de "barcelo" 'pequena barcia'  "el hoyo o pozo que se hace para plantar una cepa. La cepa nueva así plantada" (cf. DdD J. Sobreira, 1792-1797. "Papeletas de un diccionario gallego").
Na toponimia galega atopamos múltiples"Barcelo" e "Barcelar(es)" ; esta extensión e frecuencia coa forma con -r- sería extraña se o -r- non fose etimolóxico, en canto que a derivación de barcelo> bacelo que fai Sobreira non presenta maior problema fonético. 
En efecto, atopamos "Barcelar" e "Barcelares" por toda a xeografía galega, de Ribadeo a Lobios, da Pontenova a Arteixo. Visto todo o anterior, aínda que contrariando a Sarmiento e Corominas, penso que a orixe é a indicada por Sobreira. 

Por outro lado, o topónimo "Bacela" que nos ocupa semella máis particular. Se observamos a situación, A Bacela de Burela é unha punta costeira, e hai outra A Bacela en Neda, preto da desembocadura do río Grande de Xubia. Atopamos ademais A Barcela en Barreiros, na desmbocadura do río Masma. Tamén a Punta Barcela, no Grove. Hai así mesmo outra Barcela ao pé do río Navia, en Negueira de Muñiz.
En resumo, tanto os "Bacela" como os "Barcela" atopados están á beira do río, en terreos chans, que confirman que "Bacela" deriva de "Barcela", sendo este un diminutivo de "barcia" (terreo chan de cultivo, preto dun río), de orixe hidronímica. Isto está en liña co significado de "barcela" nos dicionarios de galego (cf. e.g. DdD).
 confirmando, xa que logo, a orixe que indicou Sobreira. Deste modo, Bacela non tería relación directa coas vides a que refere Bacelar.
. En particular, non podemos descartar para este "As Bacelas" a acepción que os dicionarios indican para bacela "terreo comunal" (cf. e.g. E. Rodríguez 1958-1961. "Diccionario enciclopédico gallego-castellano").

Finalmente, notar que Bascuas interpretou tamén Barcela como diminutivo de "barcia" (derivado do hidrónimo *warkena, provinte da raíz indoeuropea *awer 'humedecer, fluír'). Bascuas non analizou o topónimo "Bacela(s)" (cf. páx. 156 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

AS GORIDAS, AS GURIDAS
O substantivo "gorida", coas variantes garida e gurida, significa "abrigo, refuxio". (cf. J. S. Crespo, "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego". 1985).
Do latín vulgar, ten orixe xermánica, no gótico warjan ‘apartar, prohibir’ (DCECH, s.v. guarecer).

AS HUCHAS
Temos varias "Ucha" en Laracha, en Ferrol, "Hucha" en Valdoviño, correspondentes a accidentes costeiros, en zonas rochosas, e nunha zona de rochedo "A Ucha das Covas" (Lobios), o mesmo que "A Ucha Nova" en Louro, para os cales non encaixa a orixe no latín ustula, no senso de lugar queimado ou onde queimaban.
Máis ben, considerando os casos mencionados de accidentes costeiros e ladeiras con rochedo, podemos interpretar "ucha" como unha aplicación orográfica do apelativo "hucha" no sentido de "lugar nunha vagoada", o que parece encaixar tamén neste caso ao tratarse dun cal. Ocorre o mesmo con "Uchas de Abaixo" en Riós, no que se trata dunha valgada.
Autores como C. Búa (cf. p. 141 "Onomástica Galega II") relacionaron topónimos "Ucha" co latín ostia, plural de ostium 'esteiro, porta'. No entanto, neste caso de Burela, ao ser Huchas, en plural, tórnao máis difícil, Indicaría talvez a existencia de pequenas bocas de río, de pequenos esteiros, o cal parece confirmar a súa situación preto do porto.
No entanto, aínda que moitos topónimos "Hucha(s)" no territorio galego se localicen preto do mar, non nomean esteiros senón rochedos maiormente. 

AS LÓNGARAS
Ver "A Lóngara".

AS QUINTAS
Plural de "quinta", probablemente no sentido de "casa de campo con herdade arredor".
Aínda que a acepción anterior pareza a máis probable, ao tratarse do nome dun núcleo de poboación, tampouco se pode descartar que teña derivado dunha partilla de finca efectuada a quintas, ou ben dun pagamento de foro consistente nas quintas partes do producido pola finca.
Rexístranse tamén en moitos outros sitios en Galiza, como e.g. en Mañón e en San Sadurniño.


AS SALGOSAS
Este topónimo, derivado de "(terras) salgosas", 'con sal', está presente tanto nunha zona de val como nun coído. O sufixo abundancial -osa, indícanos un "lugar saíño, onde abunda o sal".

ATALAIA
Unha "atalaia" é un lugar de vixilancia; neste caso sería de vixilancia para a captura das baleas e similares que se achegaban á costa e ás rías. O apelativo "atalaia" deriva probablemente do árabe a-alā’iʕ  "os sentinelas"; temos a voz "atalaieiro" co sentido de "vixilante, outeador de baleas". A este respecto, ver topónimo "A Balea".
Hai topónimos "Atalaia" en toda a costa da Mariña: en Bares, Viveiro, Xove, Burela, etc.

AVEAL
Lugar onde abunda a avea, ou propicio para o seu cultivo.

BALÁN
A orixe deste topónimo podería ser prerromana, posiblemente referido a un hidrónimo paleoeuropeo. 
Podería derivar da raíz indoeuropea *uel- 'virar' ou talvez *bhel 'branco', co cal a forma antiga de Balán sería algo similar a *Uallane ou a *Bhallane.
Para chegarmos a esta conclusión, podemos observar  a existencia dos topónimos seguintes, todos eles posiblemente coa mesma raíz (cf. aquí):
  • "Balante", que contén o sufixo indoeuropeo -nt-, presente en multitude de hidrónimos paleoeuropeos. 
  • "As Balancas": tamén co sufixo -anc-, prerromano.
  • "A Balandra": derivado dun *Balándara, co sufixo átono -ara, típicamente prerromano.
  • "Balántiga": derivado dun Ballantika.

Ademais do anterior, observamos a relación en moitos dos casos con termos relativos á auga:
  • Fontebalán (Mondariz)
  • O Balán (Ferrol), referido a augas.
  • Fuente de la Ballancosa (Zamora).

Por tanto, parece bastante probable, e o conxunto indicado de topónimos reforzan entre si esta hipótese hidronímica.
A raíz *uel- 'virar' sería a mesma que a que apunta Bascuas para "Baleira" (cf. p.315, E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"), 
Por outro lado, podería derivar tamén da raíz *bhel 'branco, brillar', que F. Villar interpreta  para palabras como "Balsa" (con extensión -s-). Cf. p. 299 de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana".
En calquera dos dous casos, trataríase dunha forma probablemente de orixe indoeuropea, talvez pre-celta. O significado concreto é difícil de indicar, desde "remuíño" até "vale".

BARBEITOS
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

BOLAR DO PERDOURO

O dicionario define "bolar" como "a terra que tén moita arxila e óxidos de ferro". Cf. aquí.
Para o segundo termo, ver "Perdouro".

BURELA
Posiblemente o nome teña a orixe nunha *(uilla) Burella, indicando a súa situación a rentes do río Burellum, citado nun documento de 1096, no que se  concede á Sé Mindoniense a metade da igrexa de Noys, na beiramar entre os ríos Burellum"e Aurium (río Ouro). Cf. aquí.
Este topónimo foi estudado por filólogos como E. Bascuas, que derivou do diminutivo en -ella dunha forma *bura, cun significado similar a "fervenza", e derivado da raíz indoeuropea *bher- 'ferver', frecuente na hidronimia europea (mesma orixe que a de Riobarba", a partir de "río Barba" no Vicedo ou "Barbas" en Cerdido). Cf. p. 24 e ss. de E. Bascuas, 2014 "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega".

CABO FORCADO
Posiblemente relativo a unha bifurcación, quer da punta ou cabo, dun río, camiño, cordal. 
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.

CABOZO DE ANGÁN
Probablemente deba interpretarse como "Cabozo dun dono apelidado Angán".O nome "Angán" talvez derive da forma en xenitivo Ancani, dun posuidor chamado Ancanus, hipocorístico de Ancus

CABOZO DE BALTAR
Probablemente deba interpretarse como "Cabozo dun dono apelidado Baltar".
O nome "Baltar" proviría de *Waltarii, dun posuidor Waltarius, nome de orixe xermánica. 

CABOZO DE CALLÓN
Probablemente deba interpretarse como "Cabozo dun dono apelidado Callón". O nome "Callón" podería derivar da forma en xenitivo Callionii, dun posuidor chamado Callionius. En xeral, o topónimo "Callón" é derivado do celta calio 'pedra'.

CAMIÑO DO TALLO
Un "tallo" é unha finca de pequenas dimensións (o mesmo que "lucha"). Aparte dos significados relativos a "corte", o termo tallo tamén ven no dicionario como "cuadrado de viña".
En portugués tamén ten o significado de "finca onde se plantan cebolas, fabas. Cf. aquí.
Outra orixe podería ser dunha raíz indoeuropea *tā- 'derreterse, fluír', 'mofo', o mesmo que outros topónimos como "Tallobre". Cf. aquí.

CAMIÑO DOS CORGOS
A palabra "corgo" ten varios significados:
  • represa, natural ou artificial, que recolle augas cando chove. 
  • Cano: canle de distribución destas augas represadas.
  • Corredoira: camiño estreito e profundo que discorre xeralmente entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo.
Cf. aquí.


CAMIÑO DOS LAMAZÁS
A palabra "lamazal" indica un lodeiro, un sitio onde abunda a lama.

CARDOXE
Posiblemente de *(villa) Cardosii, forma en xenitivo de Cardosius, o nome do antigo posuidor.

CASTRELO
Diminutivo de castro, do latín castrum ‘castelo, fortaleza’. En galego designa un tipo de asentamento prehistórico característico do Noroeste peninsular, aínda que tamén é usado na toponimia para se referir a outra clase de edificacións semellantes ou mesmo a unha elevación do terreo onde puidese ter existido un castro (cf. P. Martínez Lema, 2012. "Toponimia de Begonte e Rábade").

O uso co diminutivo en -elo indica que é un topónimo antigo, como mínimo de orixe medieval.


CHATA DA XULIEIRA
O nome desta punta costeira indícanos a abundancia de "xulias", un peixe cuxo nome científico é Coris julis.
É frecuente a referencia a peixes na toponimia costeira, así temos a "Punta da Rubaleira" en Xove, a "Punta dos Monxes" en Suegos (O Vicedo), "A Bogueira" en Barreiros, a punta "Besugueira" en Burela, a "Punta dos Mógaros" en Nois, "Punta de Anguieira" en San Cosme, etc.

CON DE LOURIDO
Un "con" é definido no dicionario como "penasco, rocha elevada, pena no mar". Cf. aquí.
En canto a "lourido", xeralmente indica "lugar onde abundan os loureiros", aínda que, dada a localización deste con parece especialmente improbable.
Cremos que neste caso tén orixe prerromana, referida a sitio rochoso. Sería, por tanto neste caso, unha tautoloxía, dado o nome de "con".
Tampouco pode desbotarse unha orixe prerromana distinta, relativa a hidrónimos, sendo este un con ("penedo no mar").
Si que rexeitamos unha orixe antroponínimica: o apelido "Lourido" ten frecuencia nula nesta zona da Galiza.

CONDOMIÑAS
Terras en condominio, do latín condominia: terras cuxo dominio é compartido entre varios donos.

CORDÓN
Posiblemente de *(uilla) Cordonii, forma en xenitivo de Cordonius, referido ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").
Con todo, hai que tomalo con reservas, xa que non posuimos documentación antiga que o demostre e que tampouco da existencia na Gallaecia deste antropónimo, que si está rexistrado na Lugdunense.

CORTIÑAS, CORTIÑAS DE VILAR
O termo "cortiña" vén do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ (e cohorticulum, ‘cortello’). 
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

CUMIO DE ABEDOEDO
Indica un cume de monte, no cal  abundan os bidueiros. 
O termo "abedoedo" non é máis que a grafía alternativa de "biduedo", derivado de bidueiro, co sufixo abundancial -edo.

ESCALLAR
Etimoloxía incerta.
Podería vir de "lugar onde abundan os escallos". O termo "escallo" é definido nos dicionarios como "chantón, enxerto".
Alternativamente, tamén se rexistra "escallo" como derivado do baixo latín squalidus, 'áspero, erizado, rugoso', 'inculto' (de squalere, 'estar en barbeito'). Designaría, por tanto, un terreo ou lugar que non foi comprado senón apropiado por estar abandonado, quer por non ter dono ou por estar inculto.  Cf. aquí. Rivas tamén menciona esta orixe (cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007). 

ESQUEIRA 
En xeral, o apelativo "esqueira" é sinónimo de "escada". 
En particular, o cal pode ser o caso, unha "esqueira" é unha escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos comareiros.

FÓCARO
Algúns dicionarios de galego definen "fócaro" como 'cárcava, barranco'. Cf. A. Otero (1949) aquí.
Neste caso, ao tratarse dun "accidente costeiro", parece encaixar nesta definición.

FOLGUEIROSA
"Lugar onde abundan os felgos".

FONTAO
O nome deste núcleo de poboación probabelmente  sería derivado de (agru) fontanu, derivado de fons 'fonte' (cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa").
Outra posibilidade sería que derive dun posuidor chamado Fontanus (cfr. Cabeza Quiles). 
Tanto neste caso como no "Fontao" de Boimente (Viveiro), son topónimos de núcleos de poboación.

GUINCHEIROS
O nome desta punta costeira posiblemente derive de "guincho", indicando penas puntiagudas, 
aguzado. 
Alternativamente, de "aguiucheiro", lugar frecuentado polos aguiúchos (os pitos das aguias). O engadido do -n- poderíase explicar pola interferencia co termo "guincho". De feito, existe unha punta costeira en Portocelo (Xove) chamada "Guiuncheiro".

LANGOIRA
Este topónimo, existente en Xove, Cervo, Burela, Viveiro, Sarria, Pastoriza, Samos, tén orixe prerromana, posibelmente cun carácter hidronímico, e indicaría algo similar a "rego longo" ou "rego da encosta".

Ver entrada blogue >>aquí para máis detalles.

LAMESTRA
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "A Lamestra" en Vieiro (Viveiro), Moucide (Valadouro), As Lamestras en Morás.

MILLARAL
O termo relativo a "cultivo do millo", co sufixo -al, indicando "lugar onde abunda o millo" ou "lugar que produce bon millo". Ao ser un topónimo antigo, podemos supor que "millo" refere ao  "millo miúdo" ou "paínzo", e que se viña cultivando en Europa desde a antigüidade, e era o que se chamaba "millo" antes de ter chegado o millo da América.

MONTE DO FORO
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

MONTE MEAO
O termo "meao" era a forma medieval por "mediano, do medio". Por tanto, este topónimo indica "monte do medio", pola súa situación de equidistancia con respecto a algo.

MONTE 
RAÑADOIRA
Os termos "rañadoira" e "rañadoiro" indican un 'monte baixo con carqueixas, moi pelado polo gado'. Cf. aquí.
Deriva de "raña" 'lugar pelado e pedregoso'.

NAVIAS
A orixe exacta deste topónimo é controversa. 
É coñecida a súa orixe prerromana, aínda que os autores discuten se se trata dunha palabra celta ou  pre-céltica (paleoeuropea). Polo xeral acéptase para "navia" unha orixe hidrónimica indoeuropea, talvez da raíz indoeuropea que Pokorny reconstrúe como *enebh-,‘húmido,  auga’, de onde tamén ‘vapor, néboa, chuvia’.
J. Moralejo recolle aquí unha relación de distintas hipóteses.
É importante salientar que, en caso de ter este lugar de prados este topónimo "Navias" desde antigo, sería moi interesante ao ser en plural, o cal indicaría posiblemente un uso apelativo, conservado aínda na fala romance, e descartaría máis improbable a teoría de ser "Navia" un teónimo (en concreto, referido a unha ninfa ou deusa das augas).

O BUIO
A orixe deste topónimo é controversa. 
E. Rivas e J. M González falan dunha raíz hidronímica celta *bed-, *bud-.
Podería estar relacionado con "Buño", o mesmo que Troia e Troña, Baio e Baño (cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).
Existen outros "Buio", por exemplo en Viveiro.

O BURGO
Do xermánico burg 'fortaleza, castro', do cal pasou para o latín.
Na Idade Media nomeaba un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha
cidade amurallada, para designar, posteriormente, unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000). 

O CACHÓN
Sinónimo de "fervenza","cascada".

O CAMPÓN
Prado de secaño de moita extensión. Cf. aquí.

O COTELLÓN
Diminutivo de "coto"  "coto", voz de orixe prerromana que indica 'a parte máis alta dun monte, que ten forma cónica' (cf. RAG).

O FORCÓN
O significado do topónimo "forcón", frecuente nos concellos da zona, é incerto. 
O dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo". Posiblemente referido a unha árbore gallada ou, máis probable, a unha bifurcación de camiño ou río ou montañas, neste último caso, no sentido de "desfiladeiro".
acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

O FOXO
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. 
En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras". 
Por tanto, neste campo talvez houvese unha trampa (para caza de animais) ou talvez indique simplemente un desnivel (valado) do terreo ou tamén a existencia dunha cova. 

Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciños de San Pantaión e Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (cf. aquí)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

O FRANCO
Os termos "franco", "francos",  e similares poden ter relación con antigos colonos extra-peninsulares e/ou tamén por ter excencións de taxas.
Ver artigo específico >>> aquí.

O LODEIRO
O termo "lodeiro" indica unha "lameira, terreo con lama". 
Ten tamén unha segunda acepción de "árbore tamén chamada lamigueiro, lotus", aínda que máis improbable, por ser un topónimo frecuente demais para facer referencia a unha arbre incomún. Cf. aquí.

Alternativamente, de Lotariu, nome de orixe xermánica. Porén, podemos descartar esta interpretación, por múltiples razóns: levando artigo diante é improbábel, non se tratando dun núcleo de poboación é pouco probábel. A conxunción destas dúas condicións tórnao practicamente imposíbel. 

O PEDRÓN
Pedra fincada, pedrafita, ás veces simplemente un pedroulo ou pedrouzo. Cf. aquí.

O PENOURAL
Este topónimo, que dá nome a unha praia, deriva de "pena", incluíndo o sufixo abundancial -al. 
Neste nome, o elemento "-our-" é de orixe incerta, non existindo ningun "Penouro" coñecido. 
Cremos que podería derivar  dun composto "pena" + "ouro" + "-al". O elemento "ouro" viría da raíz indoeuropea *awr-, relativa a correntes de auga, a mesma que a do río "Ouro", antigamente documentado como Aurio. Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 
Existe outro "Penoural" en Foz, tamén noutra punta costeira, o cal parece reforzar esta hipótese de composto incluíndo un hidrónimo prerromano.

O TORNO
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

OS ASNOS
Orixe incerta, podería ter a orixe no termo "asno", quer referido a unha situación anecdótica, quer ao alcume dun antigo posuidor.

Alternativamente, pode derivar o elemento paleoeuropeo *ap-s-, frecuente en hidrónimos, e derivado da raíz indoeuropea *ap- 'auga'. Cf. p. 179 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Esta segunda alternativa semella a máis probable, se temos en conta os topónimos "Poza do Asno", "Ponte do Asno", "Punta do Asno", etc, relacionados coa hidronimia.
Existe tamén unha "A Furada dos Asnos" en Covas (Viveiro).

OS CANOUQUIÑOS
Diminutivo en plural de "canouco. O apelativo "canouco" está rexistrado nesta zona como o nome dunha alga castaña, a Laminaria digitata. (cf. aquí, M. do Carme Ríos, "Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Verba anexo 19").
Neste caso, onde este topónimo dá nome a un con costeiro, parece encaixar esta acepción.
A etimoloxía é incerta. En xeral, o sufixo "-ouco" é de orixe prerromana, aínda que tamén seguiu produtivo no romance, así "pedrouco", "penouco".

OS CASTRILLÓS
Derivado de "Castro", posiblemente non no sentido de "asentamento prerromano" senón simplemente como "altura".

OS ENCHOUSOS
De "enchousa": herdade ou finca rústica de algunha extensión, cerrada ("chousada") toda con muro ou valado.

OS PELAMIOS
Posiblemente de "pelamio", "lugar onde houbo curtidorías de pel". Cf. F. Cabeza "Os nomes de lugar".
Tamén pode vir referido a posesores que eran curtidores.

PACIOS
Xeralmente, o termo "pazo" e "pacio" derívase de palatium, usado no sentido de "casa señorial".

Porén, o lugar onde se encontra "Pacios" non parece que tivese un palacio. Este é un caso máis do abondoso deste topónimo en Galiza, que dificilmente en moitos dos casos poderían corresponder cos palatium latinos no sentido de "casa señorial".
J. J. Moralejo refere estes topónimos ao prelatino palatio,  "lugar pechado no monte onde se gardan ou recollen temporalmente animais, curro". Cf. J. J. Moralejo (2007) "Callaica Nomina".
Un estudo sobre etimoloxía asturiana, dá unha terceira acepción, relacionada coas outras dúas: en Asturias, parece que casar (latín casam),  referencia  un conxunto de construcions individualizadas dentro dun núcleo de hábitat, e Palaciu (latín palatium) que refere a un lugar construido un tanto lonxe do núcleo populacional. Cf. tamén aquí

PARDIÑAS
O topónimo "pardiña" deriva do latín parietina,  "casa en ruínas, paredes", e despois pasou a ter un significado de "devesa ou terreo acoutado".

PAREDES
Posiblemente indicando un significado similar ao orixinal de "pardiña" (latín parietina),  indicando "casa en ruínas, paredes".

PENACOVA
Composto "Pena Cova", sendo "cova" o adxectivo sinónimo de "cóncava, combada".

PENA GUIEIRA
Posiblemente a transcrición deste composto debería ser "Pena Aguieira", "pena onde paran aguias", talvez nun sentido metafórico.

PENAS DE ARCA
O termo "arca" indica polo xeral un dolmen ou túmulo descoberto. Moitas veces as "arcas" ou "mámoas" eran usadas como marco entre dúas comunidades, e por iso, algunhas veces "arca" indica un antigo marco divisorio.

PENAS MEÁS
O termo "meá" era a forma medieval por "mediana, do medio". Por tanto, este topónimo indica "penas do medio", pola súa situación de equidistancia con respecto a algo.

PERDOURO
Este topónimo probablemente sexa un composto de "Pedra de Ouro", sendo o termo "Ouro" de orixe prerromana, de carácter hidronímico, e podería indicar un "tramo longo de río, ribeira, costa".  

En efecto, o elemento -ouro posiblemente derive da raíz prerromana *awr-, relativa a correntes de auga. Esta é a orixe que varios autores, como E. Bascuas, asignan a topónimos similares como o río Ouro, antigamente documentado como Aurio.  Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

Neste caso, dada a situación, indicaría "pedra na costa". En calquer caso, esta é apenas unha posible interpretación deste topónimo, e sería preciso dispor de documentación antiga para poder ter máis seguridade na hipótese.

PIEGOS
Posiblemente de "piago". Os termos "piago ou "peago" indican unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.

POMEDA
O mesmo que "pomar", lugar plantado de maceiras (por veces "horta"), neste caso con outro sufixo abundancial (-eda).

PORTELO
Diminutivo de "porto", neste caso, porto de mar.

PRAIA DO CANTIÑO
O termo "cantiño" é a forma en diminutivo de "canto".  O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente probable en topónimos como  "O canto do pazo" (Cervo), "O  canto da vila" en Silán (Muras), ou "o canto do prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe extranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.

Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. aquí). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).

O topónimo "Canto" é frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón.

PUMARIÑO
Diminutivo de "pomar", 'lugar plantado de maceiras', por veces significando 'horta'.

PUNTA DE ANCARES
Ver "Ancares".

PUNTA DE TECELÁN
O dicionario define "tecelán" como sinónimo de "tecedor", que fabrica tecidos.
Boullón Agrelo  indica o alcume medieval "Tecelán", atestado como teçelam en 1275. Cf. p. 426 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".

No entanto, tendo en conta a existencia dun  "Coído da Tecelá" en Bares (Mañón)semella improbable a existencia de dous topónimos Tecelán ou Tecelá referidos a dous coídos ou cabos, que nada parecen ter que ver con tecedores.
O dicionario tamén indica a acepción de "gavián". Considerando o anterior, esta segunda acepción tórnase como posible.

PUNTA DO CANTIÑO
Véxase "Praia do cantiño".

PUNTA DO GUILLOTE
O significado de "guillote" énos incerto. No entanto, podería vir dun "Aguillote", derivado de "aguillón" co sufixo -ote. Non sería un termo extraño para unha punta costeira.
Tamén podería provir dun "Gallote". É importante notar que a evolución "gallote" > "guillote" non tería nada de particular, sendo un fenómeno común no galego a palatalización de vocais átonas en posición pretónica, tal como aconteceu con foxoa>fixoa, folloa>filloa, etc. (cf. P. Martínez Lema aquí).

REQUEIXO
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf.  aquí), ou tamén lugar apartado, nun recanto. E. Rivas especifica que é a zona 'parte inferior do monte, ao pé do vale'. Cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007. 
Segundo Bascuas (cf. E. Bascuas, VERBA, 2000), viría da raíz prerromana *rek-, presente en palabras como "rego" (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".

RÍO DE ANCARES
Ver "Ancares".

RONCA DAS GALLAS
O nome "Gallas" deste cantil indica "cantil rochoso", e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. 
Hai tamén en Burela "A Galleta", outro cantil coa mesma orixe.
Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.

RONCA DE ANCARES
Ver "Ancares".

ROZA DA LEÑA, ROZAS VELLAS
O termo "roza", do latín ruptia, refere a un "(monte da) roza", monte que se roza e cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

SANTOALLA
Composto derivado dun antigo "Sancta Eulalia".

SOBRANIDO
Composto de "Sobre Anido", 'situado máis arriba de outro chamado Anido'. 
O topónimo "Anido" ten unha orixe  na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema  foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría". Estudios Mindonienses 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).

Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.

Este tema *an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares(< *an-aris), Ar(< *an-are). É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro".  Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido". 

Cabeza Quiles propón  unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro (do mesmo modo que somnu > sono (cf aquí), non o cremos probable, dada a existencia de topónimos como "Anero" en Cantabria, onde correspondería un **Añero.
Finalmente, cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira" poden ter  tamén a mesma orixe temática.
"Anido" é un topónimo frecuente en toda a Mariña (Mañón, As Negradas, Cangas, Frexulfe).


SOMOZA
Segundo Piel (cf. Revista Grial 91, 1986) proviría da palabra "soma" (do latín summa 'a máis alta', xunto co sufixo -oza, o mesmo de palloza). Segundo outros autores, viría do latín "Sub Montia" 'situado ao pé dos montes'.
No caso que nos ocupa, sen coñecer a situación, tampouco podemos desbotar que simplemente refira ao apelido dun antigo posesor.

SOUTEIRO
Composto de "Su Outeiro",  lugar situado ao pé dun outeiro.

TOELO
Etimoloxía incerta.
O dicionario define "toelo" como 'pedra que forma algunhas canteiras en comarcas galegas'.
Alternativamente, entre outras hipóteses, podería ter unha orixe hidronímica paleoeuropea, quer relacionado con "Toedo" (e en Castela "Toledo"), quer como diminutivo dunha forma *Togio, que postula E. Bascuas para topónimos similares, e derivada da raíz indoeuropea *ta- 'fluír lentamente, lama'. Cf. E.  Bascuas. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").
Hai tamén un "Os Toelos" en Mañón (cf. aquí), tamén como microtopónimo aplicado a zona de bosque.

VILAR
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha villa, da cal se iría progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)"). É moi probábel que moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter agronímico, máis que de núcleos habitados.

Porén, na actualidade, os dicionarios referen a un "caserío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". E. Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de L. Carré foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito".
Cf. aquí.

XARDÍN
Posiblemente este topónimo, situado nunha zona de prados, se refira ao significado obvio, probablemente metafórico,  pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados).
No entanto, algún "Xardín" poida vir de Sardini, a forma en xenitivo Sardinus, indicando un antigo posuidor,

XULIEIRA
O nome desta punta costeira indícanos a abundancia de "xulias", un peixe cuxo nome científico é Coris julis.