sábado, 1 de febreiro de 2014

Apuntes de Toponimia de Burela



Esperamos que esta información de topónimos existentes no concello de Burela poida ser de utilidade para alguén que sinta curiosidade polo tema. 
Non é apenas unha colección de información: procuramos aportar unha interpretación. Tampouco é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente.





-----------------------------------------------------------------------------------------------

ABESADA, A 
Forma deturpada por "Vesada", do latín ‘terra versata’ "terra virada", de versu  ‘rego aberto polo arado’ e de versare ‘virar, voltear’.

ANCARES
O topónimo "Ancares" é interpretado en xeral en relación ao apelativo "anco", definido no dicionario como "codo, recodo, cosa encorvada", e tamén como "ángulo o recodo en un terreno, en una ensenada o puerto, en una carretera o en la cúspide de un monte". Cf. E. Rodríguez, 1958-1961, "Diccionario enciclopédico gallego-castellano".
Para estes "Ancares" de Burela,  tería un significado de conxunto de "ancos" ou "pequenas enseadas costeiras".

Neste concello, o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra tres topónimos "Ancares" contiguos "Punta de Ancares", "Río de Ancares", e "Ronca de Ancares", os cales referencian a unha zona de costa con pequenas enseadas.

O topónimo "Ancares", referido á "Serra dos Ancares", foi estudado por Nicandro Ares, que o considerou de orixe prerromana, a partir da raíz indoeuropea *ank- 'dobrar, curvar', e que o interpretou cun significado semellante a "angulares". Figura atestado como Anquares nun documento atribuído ao ano 569. Cf. N. Ares, "El Progreso", 21-XI-1979.
Posteriormente, Bascuas interpreta a súa orixe e significado dun modo similar. Cf. p.823 de E. Bascuas, 2006,"La Diosa Reve y los trasancos", in "Estudios Mindonienses", núm. 22.

É interesante reparar no "fouciño de anca", que rexistra Rivas Quintas como "hoz de cortar el tojo, recia y que forma codo junto al mango" (cf. DdD), que confirma, xa que logo, ese significado de "curva, cóbado".

ANIVERSARIA, A
O termo "aniversaria" é sinónimo de "aniversario", e indicaría que o terreo ou lugar foi deixado en herdanza coa obriga dunha renda anual, a pagar nunha determinada data do santoral. 
En efecto, era relativamente frecuente que os testamentos establecesen a obriga anual aos herdeiros, de dar misas de "aniversaria" polo finado, ou esmola aos pobres, e incluíndo tamén por veces a cesión de foxa para o enterramento, na igrexa ou no camposanto. Por veces esta obriga quedaba en forma dun foro ligado ao terreo testado. Esta tradición, co mesmo nome,  deuse non só en Galiza senón en Portugal (cf. "anniversaria", en Viterbo, "Elucidário"), ou en Asturias (cf. aquí), etc.
Aínda que nos dicionarios actuais de galego non figura "aniversaria",  si figura no galego medieval, tanto "aniversaria" como "universaria". Así por ex. en 1284 "sobre razon da uniuerssaria... por razon da uniuerssaria" (cf. R. Lorenzo, 1977, "La traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla". Vol. II").
Tamén figura no portugués medieval, así en 1314 "hajão os conegos huum maravidil cad'anno por nossa anniversaria" (cf. s.v. Viterbo, "Elucidário").
É un topónimo relativamente frecuente, así dáse en Ribadeo, Burela, Mañón, As Somozas, San Sadurniño, Ferreira, etc.

ASNOS, OS
Orixe incerta, podería ter a orixe no termo "asno", quer referido a unha situación anecdótica, quer ao alcume dun antigo posuidor.

Alternativamente, pode derivar o elemento paleoeuropeo *ap-s-, frecuente en hidrónimos, e derivado da raíz indoeuropea *ap- 'auga'. Cf. p. 179 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Esta segunda alternativa semella a máis probable, se temos en conta os topónimos "Poza do Asno", "Ponte do Asno", "Punta do Asno", etc, relacionados coa hidronimia.
Existe tamén unha "A Furada dos Asnos" en Covas (Viveiro).

ATALAIA
Unha "atalaia" é un lugar de vixilancia; neste caso sería de vixilancia para a captura das baleas e similares que se achegaban á costa e ás rías. O apelativo "atalaia" deriva probablemente do árabe a-alā’iʕ  "os sentinelas"; temos a voz "atalaieiro" co sentido de "vixilante, outeador de baleas". A este respecto, ver topónimo "A Balea".
Hai topónimos "Atalaia" en toda a costa da Mariña: en Bares, Viveiro, Xove, Burela, etc.

AVEAL
Lugar onde abunda a avea, ou propicio para o seu cultivo.

BACELAS,AS
Topónimo que remite aos "bacelos" 'vides novas', termo común a galego e portugués. O femenino tómao ao cualificar o nome dunhas "terras bacelas" (=terras plantadas de bacelos)
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra tamén "Bacelos" e mais "O Bacelo" en Xove.

A respecto da etimoloxía de "bacelo", Sarmiento, e logo Corominas, derívano do latín bacillum ‘bastonciño’, diminutivo de baculum ‘bastón’, por lembraren a forma dun bastón  (cf. Corominas, DCECH, s.v. bacillo). 
No entanto,  existe tamén a variante "barcelo", e igualmente no castelán de León barcillo, que fan pensar noutra acepción: Sobreira explica bacelo como variante de "barcelo" 'pequena barcia'  "el hoyo o pozo que se hace para plantar una cepa. La cepa nueva así plantada" (cf. DdD J. Sobreira, 1792-1797. "Papeletas de un diccionario gallego").
Na toponimia galega atopamos múltiples "Barcelo" e "Barcelar(es)"; esta extensión e frecuencia coa forma con -r- semella estraña, aínda que non é imposible, pois dáse noutros topónimos como ultracorrección pseudo-etimolóxica (e.g. Gocende > Gocendre). 

Por outro lado, o topónimo "Bacela" que nos ocupa semella máis particular. Se observamos a situación, A Bacela de Burela é unha punta costeira, e hai outra A Bacela en Neda, preto da desembocadura do río Grande de Xubia. Atopamos ademais A Barcela en Barreiros, na desmbocadura do río Masma. Tamén a Punta Barcela, no Grove. Hai así mesmo outra Barcela ao pé do río Navia, en Negueira de Muñiz.
En resumo, poida que os "Bacela" e mais os "Barcela" atopados á beira do río, en terreos chans, poderían derivar de "Barcela", sendo este un diminutivo de "barcia" (terreo chan de cultivo, preto dun río), de orixe hidronímica. Isto está en liña co significado de "barcela" nos dicionarios de galego (cf. e.g. DdD).
Isto viría confirmando, xa que logo, a orixe que indicou Sobreira. Deste modo, Bacela non tería relación directa coas vides a que refire Bacelar.
En particular, non podemos descartar para este "As Bacelas" a acepción que os dicionarios indican para bacela "terreo comunal" (cf.E. Rodríguez 1958-1961."Diccionario enciclopédico gallego-castellano").

BALÁN
A orixe deste topónimo semella nun antropónimo (un nome de posesor).
Alternativamente, podería ter orixe prerromana, referido a un hidrónimo paleoeuropeo, da raíz indoeuropea *uel- 'virar' ou talvez *bhel 'branco'.
En efecto, podemos observar  a existencia dos topónimos seguintes, todos eles posiblemente coa mesma raíz (cf. aquí):
  • "Balante", que contén o sufixo indoeuropeo -nt-, presente en multitude de hidrónimos paleoeuropeos. 
  • "As Balancas": tamén co sufixo -anc-, prerromano.
  • "A Balandra": derivado dun *Balándara, co sufixo átono -ara, típicamente prerromano.
  • "Balántiga": derivado dun Ballantika.
Ademais do anterior, observamos a relación en moitos dos casos con termos relativos á auga:
  • Fontebalán (Mondariz)
  • O Balán (Ferrol), referido a augas.
  • Fuente de la Ballancosa (Zamora).

Por tanto, parece bastante probable, e o conxunto indicado de topónimos reforzan entre si esta hipótese hidronímica.
A raíz *uel- 'virar' sería a mesma que a que apunta Bascuas para "Baleira" (cf. p.315, E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Por outro lado, podería derivar tamén da raíz *bhel 'branco, brillar', que F. Villar interpreta  para palabras como "Balsa" (con extensión -s-). Cf. p. 299 de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana".

En calquera dos dous casos, trataríase dunha forma probablemente de orixe indoeuropea, talvez pre-celta. O significado concreto é difícil de indicar, desde "remuíño" até "vale".

BALEA, A
Sendo unha punta costeira, estará relacionado co avistamento ou pesca da balea.
A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa  en 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Bares e San Cibrao  aparecen citados en 1291, e continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII. De Burela hai documentos ao respecto de 1527, de Nois e Rinlo no comezo do século XVII, e pouco despois Portocelo e Morás (1635), etc.
Nos primeiros tempos, do século XIII ao XV, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos. Desde a década de 1550, constátase en varios portos, como San Cibrao e Bares, actividade baleeira local. A finais do século XVI, os galegos tiñan desprazado totalmente os baleeiros vascos.
A captura intensiva neses séculos levou á práctica extinción  da especie nas costas galegas a finais do século XVII, cesando a actividade baleeira costeira. Cf. aquí.

Figura atestado no ano 1291 un préstamo aos baleeiros de Bares:  "Et disso que pinnorara aos baleeyros de Vares vi çentos mor" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

BARBEITOS
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

BOLAR DO PERDOURO
O dicionario define "bolar" como "a terra que tén moita arxila e óxidos de ferro". Cf. DdD.
Para o segundo termo, ver PERDOURO.

BOUZA DO CAPELO
Debe remitir ao sobrenome dun antigo posesor, tal como ocorre noutros casos como o Campo do Capelo, tamén en Burela, ou o Cerrado do Capelo en Ribadeo
É un alcume xa atestado na Idade Media ("..Maior Petri dicta Capelo .." (cf. E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999). Este alcume aludiría probabelmente á roupa que usaba: o dicionario de Luís Aguirre del Río recolle "capelo" como "capote de croza, con capucha" (cf. L. Aguirre (1858): "Diccionario del dialecto gallego).

Aínda que máis improbable, algún "Capelo" podería tratarse dun uso metafórico de "capelo", referíndose á forma do monte, semellando a un sombreiro cónico, como debe ocorrer cos topónimos recollidos no Proxecto Toponimia de Galicia, tales como "Capeludo" e "A Capelada", un deles no Viveiró.

BUIO, O
A orixe deste topónimo é controversa. 
E. Rivas e J. M González falan dunha raíz hidronímica celta *bed-, *bud-.
Podería estar relacionado con "Buño", o mesmo que Troia e Troña, Baio e Baño (cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).
Existen outros "Buio", por exemplo en Viveiro.

BURELA
Este topónimo, de orixe prerromana,  debe facer referencia á súa situación a rentes do río Burellum (*Burelo). O nome do río aparece nun documento  de 1096: 
 "Ecclesiæ Sancti Juliani de Noys, quæ habet jacentiam litore maris inter Burellum et Auris"
Ou sexa, "na beiramar entre os ríos Burellum e Ouro. 
Talvez correspondese cunha*(uilla) Burella, a rentes do dito río, onde estaría inicialmente a igrexa de Santa María, tal como figura nun documento do 1124:
 ".... De Torrentes usque ad aquam de Lacu post partem regis sancta Maria de Burela sancta Maria de Ceruo sancta Maria de Liano .." (cf. ITGM).

Este topónimo foi estudado por filólogos como E. Bascuas, que o interpretou como diminutivo en -ella dunha forma *bura, cun significado similar a "fervenza", e derivado da raíz indoeuropea *bher- 'ferver', frecuente na hidronimia europea (mesma orixe que a de Riobarba", a partir de "río Barba" no Vicedo ou Barbas en Cerdido). Cf. p. 24 e ss. de E. Bascuas, 2014 "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega".

O Nomenclator rexistra outros dous núcleos de poboación con este topónimo, A Burela (Carballido, A Fonsagrada) e Burela (Domaio, Moaña), así como coa forma Borela en Cotovade. Tamén outra Borela en Meira (Pontevedra), atestada no dicionario de Madoz (séc. XIX).

BURGO, O
Do xermánico burg 'fortaleza, castro', do cal pasou para o latín.
Na Idade Media nomeaba un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha
cidade amurallada, para designar, posteriormente, unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000). 

CABO FORCADO
Posiblemente relativo a unha bifurcación, quer da punta ou cabo, dun río, camiño, cordal. 
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.
A mesma interpretación dáa Coromines na toponimia catalá, con alta frecuencia dos correspondentes "Forques", Forcat(s), Forcada (-es), Forcall, Forquet, aludindo a un accidente xeográfico, quer a unha bifurcación nun camiño, río, val ou barranco.

CABOZO DE ANGÁN
Cabozo dun dono apelidado Angán. O nome "Angán" talvez derive da forma en xenitivo Ancani, dun posuidor chamado Ancanus, hipocorístico de Ancus

CABOZO DE BALTAR
Cabozo dun dono apelidado Baltar.
O nome "Baltar" proviría de *Waltarii, dun posuidor Waltarius, nome de orixe xermánica. 

CABOZO DE CALLÓN
Cabozo dun dono apelidado Callón. O nome "Callón" podería derivar da forma en xenitivo Callionii, dun posuidor chamado Callionius. En xeral, o topónimo "Callón" é derivado do celta calio 'pedra'.

CAbrÓN, O
Descoñecemos a motivación deste microtopónimo, aínda que posiblemente aluda ao animal, sinónimo de castrón e de bode, pois xa está atestado no Catastro de Ensenada para Burela (1752) ao describir os límites desta freguesía:
      " .. y sigue al sitio de Pena Rama y biso do Cabrón."
Aquí "biso" remite a un viso 'lugar en alto con boas vistas'. Ao corresponder a un sitio alto, podería ser esta unha parte da motivación.

CACHÓN, O
Sinónimo de "fervenza","cascada".

CAMIÑO DO TALLO
Un "tallo" é unha finca de pequenas dimensións (o mesmo que "lucha"). Aparte dos significados relativos a "corte", o termo tallo tamén ven no dicionario como "cuadrado de viña".
O cognado portugués talho tamén ten o significado de "finca onde se plantan cebolas, fabas. Cf. aquí.
Outra orixe podería ser dunha raíz indoeuropea *tā- 'derreterse, fluír', 'mofo', o mesmo que outros topónimos como "Tallobre". Cf. aquí.

CAMIÑO DOS CORGOS
Os dicionarios rexistran "corgo" con varias acepcións, maiormente como "poza, charca", e nun sentido relacionado "pequenas foxas onde apoza a auga". Tén ademais o significado especializado de "poza onde se curte o liño". Cf. aquí.
Aínda que ten tamén a acepción menos estendida de "corga, corredoira", neste topónimo en plural non encaixa, non ten sentido que haxa un conxunto de corredoiras.

CAMIÑO DOS ROMEOS
Debe remitir ao sobrenome dun antigo posesor do lugar ao que remite o camiño. O alcume Romeu xa está atestado no séc. XII (".. ego Pelagius Petri cognomento Romeu .." 1196 CODOLGA).
O apelido e alcume debe ter orixe no adxectivo "romeu", "peregrino", orixinariamente peregrino que vai a Roma, mais xa na Idade Media, peregrino a Santiago.

CAMIÑO DOS LAMAZÁS
A palabra "lamazal" indica un lodeiro, un sitio onde abunda a lama.

CAMPÓN, O
Prado de secaño de moita extensión. Cf. DdD.

CAMPO DO CAPELO
Ver BOUZA DO CAPELO.

CANOUQUIÑOS, OS
Diminutivo en plural de "canouco. O apelativo "canouco" está rexistrado nesta zona como o nome dunha alga castaña, a Laminaria digitata. (cf. M. do Carme Ríos, "Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Verba anexo 19").
Neste caso, onde este topónimo dá nome a un con costeiro, parece encaixar esta acepción.
A etimoloxía é incerta. En xeral, o sufixo "-ouco" é de orixe prerromana, aínda que tamén seguiu produtivo no romance, así "pedrouco", "penouco".

CAPELADA, A
Probablemente estemos diante dun uso metafórico de "capela", non no sentido de igrexa pequena, senón de diminutivo de "capa", remitindo á forma do monte, de sombreiro cónico.
Os dicionarios rexistran para "capela" a acepción de "coroza", que era a capa, con carapucho, feita de palla ou xuncos e que se usaba antigamente para se protexer da chuvia  (cf. L. Carré(1928-1931), "Diccionario galego-castelán", s.v.
"capela").
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra varias "A Capelada", todas elas no curuto de monte ou preto del, o cal reforza esta interpretación.
Así, ademais da Serra da Capelada, atopamos  "A Capelada" en Muras e en Ortigueira, así como "O Capelado Pequeno" na Lama (Po).

CARDOXE
A explicación deste topónimo é incerta.
Tendo en conta que Piel explicou Vilaúxe como derivado de Uilla Ursi, forma en xenitivo de Ursus, nome latino, poderíamos pensar nunha orixe en **Casa de Ursi. Porén, non encaixaría un xenitivo precedido porla preposición, salvo que fose un lugar previamente chamado *Uxe e que despois pasase a Casa de Uxe > Carduxe.
Por outro lado, considerando a serie de topónimos Cardalda, Carderrei, Cardigonde, Cardoufe, todos eles considerados topónimos de orixe xermánica, a partir de antropónimos xermánicos coa raíz Carth-, podemos pensar en Cardoxe como pertencente a esta serie e que remita ao posesor dunha uilla altomedieval.

O Nomenclator rexistra outro Cardoxe en Santa Cilla do Valadouro (Foz), xa atestado no S. XIX. Figura ademais atestado outro Cardoxe en Carballeda de Avia (Ou) no séc. XIV (cf. L. Méndez, 2006. “Topónimos medievais en Terra de Nóvoa (Carballeda de Avia)” in Actas do I congreso  “Frei Martín Sarmiento”).

CASTELO DAS POMBAS, O
A motivación do nome deste illote debe ser metafórica, pois é típica de illotes costeiros, que non indican que houbese ningún tipo de fortificación. 

CASTRELO
Diminutivo de castro, do latín castrum 'castelo, fortaleza', designa un poboado fortificado de época prerromana e/ou romana, situado en lugar estratéxico (xeralmente nun alto) e defendido con sólidas murallas. En toda Galiza estímase que hai restos de cinco mil castros, o cal dá idea dun poboamento moi intenso e disperso (cf. A. López Carreira, 2016. "Historia de Galicia"
: 73).

É de notar que no caso das poboacións que conservan este topónimo, moitas veces non se atopan no lugar orixinario do castro senón a certa distancia (aínda que nalgúns casos o poboamento continuou ata hoxe na mesma situación do castro orixinario). Por outro lado, os lugares orixinais quedaron no imaxinario popular, percibidos como enclaves nos cales residía o elemento sobrenatural: tesouros, túneis, mouras de cabelos louros etc.), moitas veces sacralizados mediante a construción de ermidas.
Coa conquista romana e posterior romanización, os castros sufriron unha transformación en aldeas galaico-romanas, dándose un abandono progresivo, ao mudaren as prioridades xeográficas, non primando xa a situación estratéxica defensiva e perdendo o uso as murallas (o cal constatan os restos de edificacións alén das murallas ou aproveitando as mesmas murallas). As aldeas galaicorromanas estabelecéronse xeralmente en lugares diferentes dos castros orixinais, pois primaba agora a proximidade ás vías de comunicación, ás terras cultivadas e aos cursos fluviais (cf . J. C. Sánchez Pardo, 2008. "Territorio y poblamiento en Galicia entre la Antigüedad y la Plena Edad Media"). Este proceso de abandono dos castros aconteceu paulatinamente entre os séculos I e III.

CASTRILLÓS, OS
Derivado de "Castro", posiblemente non no sentido de "asentamento prerromano" senón simplemente como "altura".
Ver CASTRELO para máis detalles.

CHATA DA XULIEIRA
O nome desta punta costeira indícanos a abundancia de "xulias", un peixe cuxo nome científico é Coris julis.
É frecuente a referencia a peixes na toponimia costeira, así temos a "Punta da Rubaleira" en Xove, a "Punta dos Monxes" en Suegos (O Vicedo), "A Bogueira" en Barreiros, a punta "Besugueira" en Burela, a "Punta dos Mógaros" en Nois, "Punta de Anguieira" en San Cosme, etc.

CHAVIÑA. A
Probabelmente diminutivo de "Chave", relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un “recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados” (cf. Elucidário). 

Aínda que improbábel, dada a abundancia do topónimo "A Chave" por toda a Mariña, tampouco podemos desbotar neste caso, sendo un núcleo de poboación, que derive de *(villa) Flavina, dun antigo posuidor chamado Flavinus, hipocorístico de Flavius, nome de orixe latina. A existencia doutra "A Chaviña"  nunh zona de prados, non habitada, en Rúa (Cervo), parece reforzar aínda máis o improbábel desta segunda interpretación.

CON DE LOURIDO
Un "con" é definido no dicionario como "penasco, rocha elevada, pena no mar". Cf. DdD.
En canto a "lourido", xeralmente indica "lugar onde abundan os loureiros", aínda que, dada a localización deste con parece especialmente improbable.
Cremos que neste caso tén orixe prerromana, referida a sitio rochoso. Sería, por tanto neste caso, unha tautoloxía, dado o nome de "con".
Tampouco pode desbotarse unha orixe prerromana distinta, relativa a hidrónimos, sendo este un con ("penedo no mar").
Non debe ter orixe antroponínimica, pois o apelido "Lourido" ten frecuencia nula nesta zona da Galiza.

CONDOMIÑAS
Terras de dominio compartido entre varios donos, señores ou posesores’Deriva do latín medieval condominia, plural de condomĭnĭum ‘condominio, terra Os topónimos que conteñen este nome son polo regular de orixe medieval e poden designar tanto núcleos de poboación como tamén herdades ou áreas rústicas que no pasado tiveron un réxime de propiedade desas características. 

CORDÓN
Posiblemente de *(uilla) Cordonii, forma en xenitivo de Cordonius, referido ao nome do antigo posuidor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola).
Con todo, hai que tomalo con reservas, xa que non posuimos documentación antiga que o demostre e que tampouco da existencia na Gallaecia deste antropónimo, que si está rexistrado na Lugdunense.

CORTIÑAS
CORTIÑAS DE VILAR
O termo "cortiña" vén do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ (e cohorticulum, ‘cortello’). 
As cortiñas designan leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

COTELLÓN, O
Diminutivo de "coto"  "coto", voz de orixe prerromana que indica 'a parte máis alta dun monte, que ten forma cónica' (cf. RAG).

CUMIO DE ABEDOEDO
Indica un cume de monte, no cal  abundan os bidueiros. 
O termo "abedoedo" non é máis que a grafía alternativa de "biduedo", derivado de bidueiro, co sufixo abundancial -edo.

ENCHOUSOS, OS
De "enchousa": herdade ou finca rústica de algunha extensión, cerrada ("chousada") toda con muro ou valado.

ESCALLAR
Aínda que non recollida por Navaza no seu estudo de fitotoponimia galega, podería indicar un abundancial, un lugar onde abundan os "escallos". O termo "escallo" é definido nos dicionarios galegos como "chantón, enxerto".
Por outro lado, noutras xeografías próximas atopamos outras acepcións, tamén relacionadas co indicado latín squalidus: o filólogo García de Diego recolleu variadas acepcións fitonímicas, entre elas o asturiano escayu ‘zarza’, o cántabro escajo ‘toxo’ o el portugués escalheiro ‘silveiral’. No mesmo sentido, para o portugués escalheiro indica que "se usa tanto para ‘espino, Crataegus monogyna’ como para ‘galapero, peral silvestre, Pyrus sp.’ " (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).
Todos as acepcións mencionadas estarían en relación co baixo latín squalidus, 'áspero, erizado, rugoso', 'inculto' (de squalere, 'estar en barbeito')
Considerando esa etimoloxía, hai quen o interpreta como "un terreo ou lugar que non foi comprado senón apropiado por estar abandonado, quer por non ter dono ou por estar inculto" (cf. aquí). Rivas tamén menciona esta orixe (cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007). 
Atopamos tamén un "O Escallal" no Valadouro.

ESQUEIRA 
O topónimo "Esqueira" pode indicar un lugar onde abunda a "esca", no senso de "material vexetal fino e seco, que arde con faciliade", ou incluso no sentido ampliado de "comida".
 Por outro lado, esqueira tamén é sinónimo de "escada", na acepción existente de "escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos mesmos comareiros (cf. DdD).
En favor da primeira interpretación está o feito da existencia de topónimos "Esqueiru" en zonas de Asturias nas que non se du a caída do -l- intervocálico, co cal non puido vir dun *scalario, senón de esca, forma tamén compartida coa lingua astur-leonesa.

FÓCARO
Algúns dicionarios de galego definen "fócaro" como 'cárcava, barranco'. Cf. A. Otero (1949) DdD.
Neste caso, ao tratarse dun "accidente costeiro", parece encaixar nesta definición.

FOLGUEIROSA
Topónimo que nos remite a un lugar no que abundan os felgos.

FONTAO
O nome deste núcleo de poboación probabelmente  sería derivado de (agru) fontanu, derivado de fons 'fonte' (cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa").
Outra posibilidade sería que derive dun posuidor chamado Fontanus (cfr. Cabeza Quiles). Tanto neste caso como no "Fontao" de Boimente (Viveiro), son topónimos de núcleos de poboación.

FONTELA, A
A voz "fontela" remite a unha fonte que ten un caudal moi escaso.
É unha forma derivada de "fonte", co antigo sufixo diminutivo -ela. Poderíamos dubidar se vén de fonte + -ela ou directamente do latín fontanella(m). Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña"), ao aparecer tamén a variante "fontenla".

FORCÓN, O
O dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo". A súa aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca", é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato.
Neste caso é clara, ao estar situado entre dúas corgas (regatos profundos) que se xuntan máis adiante e desaugan no Perdouro.

FORNIÑOS
Forma en plural de "forno", co diminutivo en -iño, común a partir da Idade Media.
Aínda que o significado da voz "fornos" sexa transparente, non o é a motivación para asignarlle este topónimo ao predio ao que fai referencia.
Por un lado, pode remitir á existencia de fornos de tella, que se construían preto das barreiras das que se extraía o material. Por outro lado, tamén encaixaría un uso metafórico, relativo a dolmens ou a cistas prehistóricas: tal como indica Manuel Lorenzo (cf. Toponimia de Dodro e de Laíño), "díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros". Lembremos o exemplo do "Forno dos Mouros" en Mañón.

FOXO, O
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. 
En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras". 
Por tanto, neste campo talvez houvese unha trampa (para caza de animais) ou talvez indique simplemente un desnivel (valado) do terreo ou tamén a existencia dunha cova. 
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciños de San Pantaión e Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (cf. aquí)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

FRANCO, O
Os termos "franco", "francos",  e similares terían relación con antigos colonos extra-peninsulares e/ou tamén por ter excencións de taxas.
Ver artigo específico no blog Pena da Cataverna.para máis detalles.

A GALLETA
O nome "Galleta" deste cantil indica "cantil rochoso", e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. 
Hai tamén en Burela a "Ronca das Gallas", outro cantil coa mesma orixe.
Ver blog Pena da Cataverna para máis detalles.

GALVÁN, O
Ao tratarse dun topónimo menor, debe referirse ao alcume dun antigo posesor, e máis improbábel como apelido, ao levar artigo (ademais de que ten escasa difusión como apelido).

Como alcume, o adxectivo galván adjetivo galván (ou galbán), é ben coñecido e está registrado por Eladio Rodríguez  co significado de 'folgazán' (cf. DdD).

Como apelido, Galván estará ligado ao alcume ou ao antropónimo homónimo. Boullón Agrelo indica que comeza a aparecer nos finais do s. XV, aínda que no caso concreto de Galván, o seu uso como alcume xa se atesta nos finais do s. XIII.

A difusión deste nome viría a través da popularización dos ciclos artúricos na Península Ibérica. O antropónimo viría do francés Gauvain, á súa vez do galés Gwalliadvwyn 'cabelo brillante'. (cf. A. Boullón, 1998. "A influencia franca na onomástica medieval galega". In "Homenaxe a Ramón Lorenzo").

GORIDAS, AS
GURIDASAS
O substantivo "gorida", coas variantes garida e gurida, significa "abrigo, refuxio". (cf. J. S. Crespo, "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego". 1985).
Do latín vulgar, ten orixe xermánica, no gótico warjan ‘apartar, prohibir’ (DCECH, s.v. guarecer).

GRANDAA
O termo "granda" ou "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

GRALLEIRA
A
O nome deste lugar,  indica "lugar onde abundan os grallos"; é sinónimo de "grallal", do que tamén existe o correspondente topónimo en Covas (Viveiro).

GUINCHEIROS
O nome desta punta costeira posiblemente derive de "guincho", indicando penas puntiagudas, 
aguzado. 
Alternativamente, de "aguiucheiro", lugar frecuentado polos aguiúchos (os pitos das aguias). O engadido do -n- poderíase explicar pola interferencia co termo "guincho". De feito, existe unha punta costeira en Portocelo (Xove) chamada "Guiuncheiro".

HUCHASAS
Temos varias "Ucha" en Laracha, en Ferrol, "Hucha" en Valdoviño, correspondentes a accidentes costeiros, en zonas rochosas, e nunha zona de rochedo "A Ucha das Covas" (Lobios), o mesmo que "A Ucha Nova" en Louro, para os cales non encaixa a orixe no latín ustula, no sentido de lugar queimado ou onde queimaban.
Máis ben, considerando os casos mencionados de accidentes costeiros e ladeiras con rochedo, podemos interpretar "ucha" como unha aplicación orográfica do apelativo "hucha" no sentido de "lugar nunha vagoada", o que parece encaixar tamén neste caso ao tratarse dun cal. Ocorre o mesmo con "Uchas de Abaixo" en Riós, no que se trata dunha valgada.
Autores como C. Búa (cf. p. 141 "Onomástica Galega II") relacionaron topónimos "Ucha" co latín ostia, plural de ostium 'esteiro, porta'. No entanto, neste caso de Burela, ao ser Huchas, en plural, tórnao máis difícil, Indicaría talvez a existencia de pequenas bocas de río, de pequenos esteiros, o cal parece confirmar a súa situación preto do porto.
No entanto, aínda que moitos topónimos "Hucha(s)" no territorio galego se localicen preto do mar, non nomean esteiros senón rochedos maiormente. 

LAGOAA
Do latín lacuna 'concavidade'. É interesante notar que, nese sentido de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media: "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova).

LANGOIRA
Este topónimo é relativamente frecuente, así atopámolo en Xove, Cervo, Burela, Viveiro, Sarria, Pastoriza, Samos.
Aínda que semella ter relación con "longa", xa non é transparente a terminación -oira que usa. O máis probábel é que esta terminación -oira, nalgúns casos como este, sexa o remanente dunha voz alusiva a "castro". Por tanto viría dunha *Longa Oira",  remitindo a unha zona relativamente chá e estreita ("longueiro") que remata nun castro. Neste caso, recto a leste queda o castro de Cabo Burela.
Para máis detalles, véxase X. L. González, 2024. "Mil topónimos_opacos_de_castros_e_corgas_Parte_I".


LAMESTRA
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "A Lamestra" en Vieiro (Viveiro), Moucide (Valadouro), As Lamestras en Morás.

LODEIRO, O
O termo "lodeiro" indica unha "lameira, terreo con lama". 
Ten tamén unha segunda acepción de "árbore tamén chamada lamigueiro, lotus", aínda que máis improbable, por ser un topónimo frecuente demais para facer referencia a unha arbre incomún. Cf. DdD.
Alternativamente, de Lotariu, nome de orixe xermánica. Porén, podemos descartar esta interpretación, por múltiples razóns: levando artigo diante é improbábel, non se tratando dun núcleo de poboación é pouco probábel. A conxunción destas dúas condicións tórnao practicamente imposíbel. 

LÓNGARA, A
LÓNGARAS, AS
Alude a (terras) lóngaras, 'terras alongadas, un pouco longas'. En efecto, "longarela" é diminutivo de "lóngara", o cal está recollido en galego co significado de "terreo de forma alongada" (cf. Rivas Quintas,  Frampas).
En canto á etimoloxía, termo "longara" xa aparece atestado en documentos galegos en latín do ano 936 (cf. CODOLGA):
estremiro, ipsa terra que iacet de vallo usque in Longara, ipsa vinea cum suos pumares, et ipsa terra
Ao non aparecer atestado ningunha vez nin "longula" nin "longola", podemos pensar que non deriva de longula, senón directamente do sufixo -ara, tal como gándara.

MAROSAA
Etimoloxía incerta. Posiblemente da raíz prerromana *mar-, *mor- 'pedra, rocha', moi frecuente na toponimia galega, segundo distintos investigadores.
Así, p. ex. Martínez Lema cita A Marola (nome dun famoso illote do concello de Oleiros), o monte da Marola Grande (Monfero) ou a illa da Morosa (Corrubedo) e o dun illote da Morosa (Cambados) e a praia da Amorosa (Viana do Castelo, Portugal). Coa mesma raíz os varios Maroña(s), co típico sufixo prerromano -oña. 
Apunta tamén P. Martínez que na colección diplomática do mosteiro de Santa María de Meira, é citado un Pelagio Marose que, talvez, podería corresponder con este topónimo.
O topónimo "Area da Marosa" (= praia da Marosa) está atestado no 1752, no Catastro de Ensenada para Cervo, e mais para Burela ao indicar os lindes das respectivas freguesías.

MILLARAL
O termo relativo a "cultivo do millo", co sufixo -al, indicando "lugar onde abunda o millo" ou "lugar que produce bon millo". Ao ser un topónimo antigo, podemos supor que "millo" refeie ao  "millo miúdo" ou "paínzo", que se viña cultivando en Europa desde a antigüidade, e era o que se chamaba "millo" antes de ter chegado o millo da América.

MONTE CASTELO
Topónimo con orixe na palabra latina castellum ‘forte, reduto’, diminutivo de castrum ‘campamento fortificado’. É un topónimo moi frecuente en Galiza.

A motivación deste topónimo  pode vir  tanto dunha fortificación medieval como por unha aplicación metafórica para nomear un outeiro do terreo, houbese ou non algún tipo de fortificación. Os vestixios de castros prehistóricos tamén reciben este nome, polo xeral ao estaren situados en lugares elevados no terreo, non por unha referencia a unha entidade xeográfica ou étnica dos pobos da Gallaecia durante a administración romana.

MONTE DO FORO
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

MONTE MEAO
O termo "meao" era a forma medieval por "mediano, do medio". Por tanto, este topónimo indica "monte do medio", pola súa situación de equidistancia con respecto a algo.

MONTE 
RAÑADOIRA
Os termos "rañadoira" e "rañadoiro" indican un 'monte baixo con carqueixas, moi pelado polo gado'. Cf. RAG.
Deriva de "raña" 'lugar pelado e pedregoso'.

NADELAS
Os topónimos "Nadela" e "(As) Nadelas" son relativamente frecuentes en Galiza. No caso que nos ocupa, en Burela, o topónimo da nome a un cantil. Tendo en conta que o Nomenclator rexistra tamén un "O Nadelo", entidade de poboación, na veciña Rúa (Cervo), podemos pensar que o nome deste cantil remitise a algún habitante ou oriúndo do dito lugar de "O Nadelo".
Máis alá da interpretación deste "Nadelas", as interpretacións que se fan a respecto da motivación e significado dos topónimos "Nadela" e "Nadelo" son moi variadas, incluíndo a orixe nun nome de posesor (ver máis abaixo).
Na miña opinión, é probable que aludan a un manancial, nacente de augas, fontela.
En efecto, esta voz recóllea Figueroa Panisse coa acepción de "Nacente / Gorgulhão / Fontenla" (cf. A. Figueroa, 1988. "O problema da fixação da linguagem científica numa lingua em vias de normalização: O caso do galego"), e indica que a recolleu en conversa con Rodrigues Lapa.
Similarmente, Lorenzo Baleirón indicou que "quizais algúns deles [Nadelas] sexan mananciais ou fontes onde as augas nacen" (cf. M. Lorenzo. "Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga").
Canto á etimoloxía, non é descartábel que proveña de "Anadela", con deglutinación tal como ocorre cos "A Grela" por "Agrela". O termo Anadela, diminutivo de "Anada", tería unha orixe céltica ou antigoeuropea, nun tema *an(n)- , frecuente na toponimia galega (Ares< *an-aris, Ar< *an-are). Edelmiro Bascuas  ligou ese tema *ann- co radical céltico *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".

Por outro lado, cremos que é improbable a interpretación dalgúns autores para "Nadela" como aludindo ao nome personal latino Natella 'filliña', diminutivo de Nata. Primeiramente pola relativa alta frecuencia dos topónimos Nadela e Nadelas, que se for esta a razón, non se correspondería coa súa infrecuencia documental. Segundo por atoparmos varios deles en plural "Nadelas", improbable para topónimo persoal. Terceiro porque a existencia dun "As Nadelas", con artigo, torna tamén pouco probable que remita a un nome de persoa. Cuarto, pola existencia dunha entidade de poboación "O Nadelo" (Cervo), con artigo, que o torna tamén improbable que derivase dun nome persoal feminino.

NAVIAS
É aceptada a orixe prerromana de "Navia", aínda que os autores discuten se se trata dunha palabra celta ou se paleoeuropea (pre-céltica). 
Polo xeral acéptase para "navia" unha orixe hidrónimica indoeuropea, talvez da raíz indoeuropea que Pokorny reconstrúe como *enebh-,‘húmido, auga’, de onde tamén ‘vapor, néboa, chuvia’. Por outro lado, a raíz prelatina *nau relacionada con concavidade do terreo, considerada antigoeuropea por algúns, figura ben documentada. J. J. Moralejo recolle aquí unha relación de distintas hipóteses.
É importante salientar que, en caso de ter este lugar de prados este topónimo "Navias" desde antigo, sería moi interesante ao ser en plural, o cal indicaría posiblemente un uso apelativo, conservado aínda na fala romance, e descartaría máis improbable a teoría de ser "Navia" un teónimo (en concreto, referido a unha ninfa ou deusa das augas).

PACIOS
Xeralmente, o termo "pazo" e "pacio" derívase de palatium, usado no sentido de "casa señorial".
Porén, o lugar onde se encontra "Pacios" non parece que tivese un palacio. Este é un caso máis do abondoso deste topónimo en Galiza, que dificilmente en moitos dos casos poderían corresponder cos palatium latinos no sentido de "casa señorial".
J. J. Moralejo refire estes topónimos ao prelatino palatio,  "lugar pechado no monte onde se gardan ou recollen temporalmente animais, curro". Cf. J. J. Moralejo (2007) "Callaica Nomina".
Un estudo sobre etimoloxía asturiana, dá unha terceira acepción, relacionada coas outras dúas: en Asturias, parece que Casar (latín casam)  referencia  un conxunto de construcións individualizadas dentro dun núcleo de hábitat, mentres que Palaciu (latín palatium)  refire a un lugar construido un tanto lonxe do núcleo populacional. Cf. tamén Callaica Nomina.

PARDIÑAS
O topónimo "pardiña" deriva do latín parietina  'casa en ruínas, paredes', e despois pasou a ter un significado de "devesa ou terreo acoutado".

PAREDES
Os topónimos "Paredes", frecuentes en Galiza, acostuman remitir á existencia de paredes dunha ou varias casas en ruínas, por veces ruínas castrexas. No entanto, na Idade Media podía tamén aludir a un ‘muro, valado, muralla’ e, en particular, ao ‘valado que cerra e limita unha propiedade’ (cf. X. VARELA, 2008. "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil". in Anexo 62 de Verba. p. 112-113). Esta acepción, xunto coa de ‘ruínas de construcións’ (cf. G. Navaza, 2007, p. 138. "Toponimia de Catoira"), son probablemente os que deron orixe ós topónimos, que aparecen xeralmente en plural. 
Probablemente se trataría, xa que logo, dun lugar repoboado que fora antigamente abandonado. Lembremos, como exemplo xustificativo, as mortíferas pestes que ocorreron na Idade Media, que levarían ao abandono de moitas aldeas. 

PASADIÑAS
Forma en diminutivo plural de "pasada".
O apelativo "pasada" remite xeralmente a un lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción  consérvase na toponimia de toda a zona: en Foz, Alfoz, Mañón, Viveiro, Muras ("A Pasada do Río", "A Pasada do Portancho", "A Pasada do Cal do Medio", ..).

PEDRÓN, O
Os dicionarios galegos inclúen "padrón" e "pedrón" como "Marco; poste de pedra alta e grosa que serve de indicador ou sinal" (cf. DdDe L . Carré, DdD). 
Igual significado é recollido no portugués antigo "marco ou marcos de pedras altas que ainda hoje vemos nos antigos coutos" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

Para o apelativo "pedrón", Eladio Rodríguez indica que
       "llaman también así nuestros campesinos al menhir". 
E puntualiza Filgueira Valverde en que 
     “no siempre el topónimo indica un monumento prehistórico, puede tratarse de un miliario, de un hito liminar o sencillamente de una “piedra hita” natural”. Cf. X. Filgueira Valverde e A. García Alén. , 1977. "Inventario de monumentos megalíticos. .."

En calquera caso, aluden a unha pedra singular, probablemente arqueolóxica, un marco, un menhir, un miliario. É análogo ao portugués pedrão o padrão, para os que Machado (DEP) dá a seguinte atestación do século XIV: 
          “acharom sobre uũ pedram letras escritas dentro da pedra”.

Estes topónimos foron tamén analizados por J. Moralejo coas mesmas conclusións (cf. J. Moralejo, 2007. "Callaica Nomina") con similares conclusións.

Por outro lado, o termo petronus está tamén rexistrado no latín tardío, e Du Cange dálle o significado de acervus lapidum 'morea de pedras' (cf. Du Cange. "Glossarium mediae et infimae latinitatis"  aquí).

Finalmente, indicar que Corominas apunta a posibilidade de que algún deles remonte en realidade a un celtismo petronu, adxectivo formado sobre petru, que nas linguas celtas é o número "catro", en referencia a unha encrucillada ou xuntanza de catro camiños (cf. Corominas, DCECH, s.v. padrón).

PELAMIOS, OS
Plural de "pelamio", "lugar onde houbo curtidorías de pel". Cf. F. Cabeza "Os nomes de lugar".
Tamén pode vir referido a posesores que eran curtidores.

PENACOVA
Composto "Pena Cova", sendo "cova" o adxectivo sinónimo de "cóncava, combada".

PENA GUIEIRA
Posiblemente a transcrición deste composto debería ser "Pena Aguieira", "pena onde paran aguias", talvez nun sentido metafórico.

PENAS DE ARCA
O termo "arca" indica polo xeral un dolmen ou túmulo descoberto. Moitas veces as "arcas" ou "mámoas" eran usadas como marco entre dúas comunidades, e por iso, algunhas veces "arca" indica un antigo marco divisorio.

PENAS MEÁS
O termo "meá" era a forma medieval por "mediana, do medio". Por tanto, este topónimo indica "penas do medio", pola súa situación de equidistancia con respecto a algo.

PENIDO, O
O dicionario define "penido" como "cabezo, monte en forma cónica".

PENOURAL, O
Este topónimo, que dá nome a unha praia, deriva de "pena", incluíndo o sufixo abundancial -al. 
Neste nome, o elemento "-our-" é de orixe incerta, non existindo ningun "Penouro" coñecido. 
Cremos que podería derivar  dun composto "pena" + "ouro" + "-al". O elemento "ouro" viría da raíz indoeuropea *awr-, relativa a correntes de auga, a mesma que a do río "Ouro", antigamente documentado como Aurio. Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 
Existe outro "Penoural" en Foz, tamén noutra punta costeira, o cal parece reforzar esta hipótese de composto incluíndo un hidrónimo prerromano.

PERDOURO
Este topónimo pode derivar dun composto de "Pero do Ouro", onde  Pero é a forma antiga de "Pedro", e  "do Ouro" indicaría o alcume ou, mellor, a procedencia desta persoa, remitindo por tanto a un oriúndo do vale do Ouro.
A contracción en "Per" é frecuente na toponimia galega, así temos Perdomínguez, Perizquierdo, Perrodríguez, Perrapado, Perromeu.

Ao ser unha zona de cantil, tamén pode provir dunha "Pedra de Ouro", co termo "Ouro", hidrónimo de orixe prerromana. En efecto, o elemento -ouro posiblemente derive da raíz prerromana *awr-, relativa a correntes de auga. Esta é a orixe que varios autores, como E. Bascuas, asignan a topónimos similares como o río Ouro, antigamente documentado como Aurio.  Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

PIEGOS
O dicionario define "piego" como "próximo", "referido ao lobo cando se achega á casa".
Porén, a interpretación queda clara examinando os Piego existentes: tanto o Piego Ferrón (Foz), os Piego da Merca e de Bande, o Piego da Arca (Mondoñedo), atópanse ao pé do río, e tamén "O Pozo Piego" de Riotorto, polo que deben ser sinónimo de piago 'poza profunda de auga, xeralmente nun río'. Neste caso, ao rente está o topónimo Lamelas, polo cal parece indicar a posible existencia de auga suficiente para o dito piago.

PLANTÍO, O
Este topónimo, rexistrado na maior parte dos concellos,  refire en xeral a un abundancial de plantas. Probablemente moitos dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada. Probablemente fanreferencia ás Ordenanzas Reais (e.g. a de 1748 de Fernando IV), que impuxeron a reserva en cada concello dun espazo para plantío de árbores. Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.
Igual interpretación, de referencia a ordenanzas reais, fai Pascual Riesco (cf. P. Riesco. "Paisaje y territorio en la toponimia menor de un pueblo sayagués: Escuadro").
Neste sentido, é interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 
Por outro lado, Navaza dálle unha acepción xeral, de "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega")..

POMEDA
O mesmo que "pomar", lugar plantado de maceiras (por veces "horta"), neste caso con outro sufixo abundancial (-eda).

PORTELO
Diminutivo de "porto", neste caso, porto de mar.

PRAIA DO CANTIÑO
O termo "cantiño" é a forma en diminutivo de "canto".  O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente probable en topónimos como  "O Canto do Pazo" (Cervo), "O Canto da Vila" en Silán (Muras), ou "O Canto do Prado" no Burgo (Muras).

Hai quen dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe estranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.
Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. aquí). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).
O topónimo "Canto" é frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón.

PRON
Posiblemente de *(uilla) Apronii, forma en xenitivo de Apronius, referido ao nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola) que ocuparía ese lugar. O nome é de orixe latina, derivado de aper/apri 'porco bravo'.
Esta foi a interpretación de Piel para os topónimos Vilaproi (Portomarín) (cf. J. Piel, 1984. "Novissimas achegas à história da tradição antro- toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico",  Verba 11).
Da mesma orixe debe ser Proe, en Vilar (Sarria).

PUÍDA, A
O termo "puída" é o mesmo que "polida, brillante". 

PUMARIÑO
Diminutivo de "pomar", 'lugar plantado de maceiras', por veces significando 'horta'.

PUNTA DA RONCA
O termo "ronca" é usado na costa da Mariña Occidental para denominar a unha punta de forma redonda que se introduce no mar. 

PUNTA DE ANCARES
Ver "Ancares".

PUNTA DE TECELÁN
O dicionario define "tecelán" como sinónimo de "tecedor", que fabrica tecidos.
Boullón Agrelo  indica o alcume medieval "Tecelán", atestado como teçelam en 1275. Cf. p. 426 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".
No entanto, tendo en conta a existencia dun  "Coído da Tecelá" en Bares (Mañón)semella improbable a existencia de dous topónimos Tecelán ou Tecelá referidos a dous coídos ou cabos, que nada parecen ter que ver con tecedores.
O dicionario tamén indica a acepción de "gavián". Considerando o anterior, esta segunda acepción tórnase como posible.

PUNTA DO CANTIÑO
Véxase "Praia do cantiño".

PUNTA DO GUILLOTE
O significado de "guillote" énos incerto. No entanto, podería vir dun "Aguillote", derivado de "aguillón" co sufixo -ote. Non sería un termo estraño para unha punta costeira.
Tamén podería provir dun "Gallote". É importante notar que a evolución "gallote" > "guillote" non tería nada de particular, sendo un fenómeno común no galego a palatalización de vocais átonas en posición pretónica, tal como aconteceu con foxoa>fixoa, folloa>filloa, etc. (cf. P. Martínez Lema aquí).

QUINTAS, AS
Plural de "quinta", probablemente no sentido de "casa de campo con herdade arredor".
Aínda que a acepción anterior pareza a máis probable, ao tratarse do nome dun núcleo de poboación, tampouco se pode descartar que teña derivado dunha partilla de finca efectuada a quintas, ou ben dun pagamento de foro consistente nas quintas partes do producido pola finca.
Rexístranse tamén en moitos outros sitios en Galiza, como e.g. en Mañón e en San Sadurniño.

REQUEIXO
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf.  DdD), ou tamén lugar apartado, nun recanto. Rivas Quintas especifica que é a zona 'parte inferior do monte, ao pé do vale' (cf. E. Rivas, 2007. "Natureza, Toponimia e fala").
Estes topónimos, frecuentes na toponimia galega e moitos xa atestados na Idade Media, aluden polo xeral a recunchos ou recantos no terreo, por veces xerados por ángulos do río e outras veces remitindo a pregas e entalladuras montañosas.
No galego das Médulas (León) aínda se conserva viva esta voz, co significado de  ‘Terreo resgardado; quebra do terreo; vagoada pendente e resgardada’ (cf. F. Bello, "Lexico, literatura y tradición oral en el entorno de las Médulas").

Segundo E. Bascuas (cf. VERBA, 2000), viría da forma prerromana *rek-, presente en palabras como "rego" (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".

RÍO DE ANCARES
Ver "Ancares".

RONCA DA COVA MOURA
RONCA DAS GALLAS
RONCA DE ANCARES
O termo "ronca" é usado na costa da Mariña Occidental para denominar unha punta costeira de forma redonda. 
Canto ao nome "Gallas" deste cantil indica "cantil rochoso", e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'.  Hai tamén en Burela "A Galleta", outro cantil coa mesma orixe. Ver entrada do blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Canto a "Ancares", ver "ANCARES".

ROZA DA LEÑA
ROZAS VELLAS
O termo "roza", do latín ruptia, refrie a un "(monte da) roza", monte que se roza e cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

SALGOSAS, AS
Este topónimo, derivado de "(terras) salgosas", 'con sal', está presente tanto nunha zona de val como nun coído. O sufixo abundancial -osa, indícanos un "lugar saíño, onde abunda o sal".

SANTOALLA
A forma Santoalla é unha das posíbeis evolucións  do latín "Sancta Eulalia" para o galego. Refírese ao nome dunha mártir cristiá do final do século III.
 Sancta Eulalĭa pasou á toponimia galega coas formas Santa Baia, Santaballa, Santalla, Santaia e Santoalla. O seu culto debeu ser ben importante, pois Santa Alla é titular de 138 parroquias, a oitava máis frecuente. Como haxiotopónimo mantense na denominación de 21 freguesías.

SOBRANIDO
Composto de "Sobre Anido", 'situado máis arriba de outro chamado Anido'. 
O topónimo "Anido" ten unha orixe  na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema  foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría". Estudios Mindonienses 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).

Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.

Este tema *an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares(< *an-aris), Ar(< *an-are). É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro".  Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido". 

Cabeza Quiles propón  unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro (do mesmo modo que somnu > sono (cf aquí), non o cremos probable, dada a existencia de topónimos como "Anero" en Cantabria, onde correspondería un **Añero.
Finalmente, cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira" poden ter  tamén a mesma orixe temática.
"Anido" é un topónimo frecuente en toda a Mariña (Mañón, As Negradas, Cangas, Frexulfe).

SOMOZA
Segundo Piel (cf. Revista Grial 91, 1986) proviría da palabra "soma" (do latín summa 'a máis alta', xunto co sufixo -oza, o mesmo de palloza). Segundo outros autores, viría do latín "Sub Montia" 'situado ao pé dos montes'.
No caso que nos ocupa, sen coñecer a situación, tampouco podemos desbotar que simplemente refira ao apelido dun antigo posesor.

SOUTEIRO
Composto de "Su Outeiro",  lugar situado ao pé dun outeiro.

SUARRIBAS
De "sub as ribas", lugar situado ao pé dunhas " ribas". O termo "riba", do latín ripam 'ribeira', xeralmente é referido á marxe dun río.

TIÑOSAA
O topónimo "Tiñosa", neste caso asociado a unha punta ou cabo,  é de orixe incerta.
A primeira vista, sería derivado de "tiña", nun sentido figurado (p. ex. 'rocha pelada'). Alternativamente, podía derivar da base  hidronímica   paleoeuropea *tin-, derivada da raíz *ta- 'derreterse, fluír lentamente'.
Neste caso, semella a priori máis próxima a idea hidronímica, aínda que se volve imposible elexir unha das alternativas sin documentación antiga.
O profesor Bascuas analizou estes topónimos "Tiñoso", "Tiñosa", sen inclinarse, nin pola orixe romance en "tiña" nin pola prerromana. Cf. p. 105 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

TOELO
Etimoloxía incerta.
O dicionario define "toelo" como 'pedra que forma algunhas canteiras en comarcas galegas'.
Alternativamente, entre outras hipóteses, podería ter unha orixe hidronímica paleoeuropea, quer relacionado con "Toedo" (e en Castela "Toledo"), quer como diminutivo dunha forma *Togio, que postula E. Bascuas para topónimos similares, e derivada da raíz indoeuropea *ta- 'fluír lentamente, lama'. Cf. E.  Bascuas. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").
Hai tamén un "Os Toelos" en Mañón, tamén como microtopónimo aplicado a zona de bosque.

TORNO, O
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

VENDAA
O topónimo deste núcleo de poboación deriva do latín vendita, referido a unha antiga venda (pousada), as cais se situaban á beira das estradas.

VESADAA
Do latín ‘terra versata’ "terra virada", de versu  ‘rego aberto polo arado’ e de versare ‘virar, voltear’.
Alternativamente, pode vir do latín adversata 'situada no aveso, no vesío'.

VILAR
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha villa, da cal se iría progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)"). É moi probábel que moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter agronímico, máis que de núcleos habitados.

Porén, na actualidade, os dicionarios refiren a un "caserío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". E. Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de L. Carré foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito".
Cf. DdD.

XARDÍN
Posiblemente este topónimo, situado nunha zona de prados, se refira ao significado obvio, probablemente metafórico,  pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados).
No entanto, algún "Xardín" poida vir de Sardini, a forma en xenitivo Sardinus, indicando un antigo posuidor,

XULIEIRA
O nome desta punta costeira indícanos a abundancia de "xulias", un peixe cuxo nome científico é Coris julis.