sábado, 1 de febreiro de 2014

Apuntes de Toponimia de Burela



Esperamos que esta información de topónimos existentes no concello poda ser de utilidade para alguén que sinta curiosidade polo tema. 
Non é apenas unha colección de información: procuramos aportar unha interpretación. Tampouco é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente.


-----------------------------------------------------------------------------------------------

ABESADA, A 
Forma deturpada por "Vesada", do latín ‘terra versata’ "terra virada", de versu  ‘rego aberto polo arado’ e de versare ‘virar, voltear’.

ANCARES
O topónimo "Ancares" é interpretado en xeral en relación ao apelativo "anco", definido no dicionario como "codo, recodo, cosa encorvada", e tamén como "ángulo o recodo en un terreno, en una ensenada o puerto, en una carretera o en la cúspide de un monte". Cf. E. Rodríguez, 1958-1961, "Diccionario enciclopédico gallego-castellano".
Para estes "Ancares" de Burela,  tería un significado de conxunto de "ancos" ou "pequenas enseadas costeiras".

Neste concello, o Nomenclator rexistra tres topónimos "Ancares" contiguos "Punta de Ancares", "Río de Ancares", e "Ronca de Ancares", os cales referencian a unha zona de costa con pequenas enseadas.

O topónimo "Ancares", referido á "Serra dos Ancares", foi estudado por Nicandro Ares, que o considerou de orixe prerromana, a partir da raíz indoeuropea *ank- 'dobrar, curvar', e que o interpretou cun significado semellante a "angulares". Figura atestado como Anquares nun documento atribuído ao ano 569. Cf. N. Ares, "El Progreso", 21-XI-1979.
Posteriormente, Bascuas interpreta a súa orixe e significado dun modo similar. Cf. p.823 de E. Bascuas, 2006,"La Diosa Reve y los trasancos", in "Estudios Mindonienses", núm. 22.

É interesante reparar no "fouciño de anca", que rexistra Rivas Quintas como "hoz de cortar el tojo, recia y que forma codo junto al mango" (cf. DdD), que confirma, xa que logo, ese significado de "curva, cóbado".

ANIVERSARIA, A
O termo "aniversaria" é sinónimo de "aniversario", e indicaría que o terreo ou lugar foi deixado en herdanza coa obriga dunha renda anual, a pagar nunha determinada data do santoral. 
En efecto, era relativamente frecuente que os testamentos establecesen a obriga anual aos herdeiros, de dar misas de "aniversaria" polo finado, ou esmola aos pobres, e incluíndo tamén por veces a cesión de foxa para o enterramento, na igrexa ou no camposanto. Por veces esta obriga quedaba en forma dun foro ligado ao terreo testado. Esta tradición, co mesmo nome,  deuse non só en Galiza senón en Portugal (cf. "anniversaria", en Viterbo, "Elucidário"), ou en Asturias (cf. aquí).
Aínda que nos dicionarios actuais de galego non figura "aniversaria",  si figura no galego medieval, tanto "aniversaria" como "universaria". Así por ex. en 1284 "sobre razon da uniuerssaria... por razon da uniuerssaria" (cf. R. Lorenzo, 1977, "La traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla". Vol. II").
Tamén figura no portugués medieval, así en 1314 "hajão os conegos huum maravidil cad' anno por nossa anniversaria" (cf. s.v. Viterbo, "Elucidário").
É un topónimo relativamente frecuente, así dáse en Ribadeo, Burela, Mañón, As Somozas, San Sadurniño, Ferreira, etc.

ASNOS, OS
Orixe incerta, podería ter a orixe no termo "asno", quer referido a unha situación anecdótica, quer ao alcume dun antigo posuidor.

Alternativamente, pode derivar o elemento paleoeuropeo *ap-s-, frecuente en hidrónimos, e derivado da raíz indoeuropea *ap- 'auga'. Cf. p. 179 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Esta segunda alternativa semella a máis probable, se temos en conta os topónimos "Poza do Asno", "Ponte do Asno", "Punta do Asno", etc, relacionados coa hidronimia.
Existe tamén unha "A Furada dos Asnos" en Covas (Viveiro).

ATALAIA
Unha "atalaia" é un lugar de vixilancia; neste caso sería de vixilancia para a captura das baleas e similares que se achegaban á costa e ás rías. O apelativo "atalaia" deriva probablemente do árabe a-alā’iʕ  "os sentinelas"; temos a voz "atalaieiro" co sentido de "vixilante, outeador de baleas". A este respecto, ver topónimo "A Balea".
Hai topónimos "Atalaia" en toda a costa da Mariña: en Bares, Viveiro, Xove, Burela, etc.

AVEAL
Lugar onde abunda a avea, ou propicio para o seu cultivo.

BACELAS, AS
Probablemente relativo a "bacelos" 'vides novas', termo común a galego e portugués. O femenino sería soamente un indicador de tamaño diferente a un bacelo.
Temos un topónimo "Bacelos" en Xove e "O Bacelo" en Xove.

A respecto da etimoloxía de "bacelo", Sarmiento, e logo Corominas, derívano do latín bacillum ‘bastonciño’, diminutivo de baculum ‘bastón’, ao lembrar os bacelos a forma dun bastón  (cf. Corominas, DCECH, s.v. bacillo). 
No entanto,  existe tamén a variante "barcelo", e igualmente no castelán de León barcillo, que fan pensar noutra acepción: Sobreira explica bacelo como variante de "barcelo" 'pequena barcia'  "el hoyo o pozo que se hace para plantar una cepa. La cepa nueva así plantada" (cf. DdD J. Sobreira, 1792-1797. "Papeletas de un diccionario gallego").
Na toponimia galega atopamos múltiples"Barcelo" e "Barcelar(es)" ; esta extensión e frecuencia coa forma con -r- semella estraña, aínda que non é imposible, pois dáse noutros topónimos como ultracorrección pseudo-etimolóxica (e.g. Gocende > Gocendre). 

Por outro lado, o topónimo "Bacela" que nos ocupa semella máis particular. Se observamos a situación, A Bacela de Burela é unha punta costeira, e hai outra A Bacela en Neda, preto da desembocadura do río Grande de Xubia. Atopamos ademais A Barcela en Barreiros, na desmbocadura do río Masma. Tamén a Punta Barcela, no Grove. Hai así mesmo outra Barcela ao pé do río Navia, en Negueira de Muñiz.
En resumo, poida que os "Bacela" e mais os "Barcela" atopados á beira do río, en terreos chans, poderían derivar de "Barcela", sendo este un diminutivo de "barcia" (terreo chan de cultivo, preto dun río), de orixe hidronímica. Isto está en liña co significado de "barcela" nos dicionarios de galego (cf. e.g. DdD).
 confirmando, xa que logo, a orixe que indicou Sobreira. Deste modo, Bacela non tería relación directa coas vides a que refire Bacelar.
En particular, non podemos descartar para este "As Bacelas" a acepción que os dicionarios indican para bacela "terreo comunal" (cf. e.g. E. Rodríguez 1958-1961. "Diccionario enciclopédico gallego-castellano").

BALÁN
A orixe deste topónimo semella nun antropónimo (un nome de posesor).
Alternativamnte, cremos pode ter orixe prerromana, referido a un hidrónimo paleoeuropeo, da raíz indoeuropea *uel- 'virar' ou talvez *bhel 'branco'.
En efecto, podemos observar  a existencia dos topónimos seguintes, todos eles posiblemente coa mesma raíz (cf. aquí):
  • "Balante", que contén o sufixo indoeuropeo -nt-, presente en multitude de hidrónimos paleoeuropeos. 
  • "As Balancas": tamén co sufixo -anc-, prerromano.
  • "A Balandra": derivado dun *Balándara, co sufixo átono -ara, típicamente prerromano.
  • "Balántiga": derivado dun Ballantika.
Ademais do anterior, observamos a relación en moitos dos casos con termos relativos á auga:
  • Fontebalán (Mondariz)
  • O Balán (Ferrol), referido a augas.
  • Fuente de la Ballancosa (Zamora).

Por tanto, parece bastante probable, e o conxunto indicado de topónimos reforzan entre si esta hipótese hidronímica.
A raíz *uel- 'virar' sería a mesma que a que apunta Bascuas para "Baleira" (cf. p.315, E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Por outro lado, podería derivar tamén da raíz *bhel 'branco, brillar', que F. Villar interpreta  para palabras como "Balsa" (con extensión -s-). Cf. p. 299 de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana".

En calquera dos dous casos, trataríase dunha forma probablemente de orixe indoeuropea, talvez pre-celta. O significado concreto é difícil de indicar, desde "remuíño" até "vale".

BALEA, A
Sendo unha punta costeira, relacionado co avistamento ou pesca da balea.
A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa  en 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Bares e San Cibrao  aparecen citados en 1291, e continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII. De Burela hai documentos ao respecto de 1527, de Nois e Rinlo no comezo do século XVII, e pouco despois Portocelo e Morás (1635), etc.
Nos primeiros tempos, do século XIII ao XV, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos. Desde a década de 1550, constátase en varios portos, como San Cibrao e Bares, actividade baleeira local. A finais do século XVI, os galegos tiñan desprazado totalmente os baleeiros vascos.
A captura intensiva neses séculos levou á práctica extinción  da especie nas costas galegas a finais do século XVII, cesando a actividade baleeira costeira. Cf. aquí.

Figura atestado no ano 1291 un préstamo aos baleeiros de Bares:  "Et disso que pinnorara aos baleeyros de Vares vi çentos mor" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

BARBEITOS
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

BOLAR DO PERDOURO
O dicionario define "bolar" como "a terra que tén moita arxila e óxidos de ferro". Cf. DdD.
Para o segundo termo, ver "Perdouro".

BUIO, O
A orixe deste topónimo é controversa. 
E. Rivas e J. M González falan dunha raíz hidronímica celta *bed-, *bud-.
Podería estar relacionado con "Buño", o mesmo que Troia e Troña, Baio e Baño (cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).
Existen outros "Buio", por exemplo en Viveiro.

BURELA
Este topónimo, de orixe prerromana,  facendo referencia á súa situación a rentes do río Burellum. O nome do río aparece nun documento  de 1096: 
 "Ecclesiæ Sancti Juliani de Noys, quæ habet jacentiam litore maris inter Burellum et Auris"
Ou sexa, "na beiramar entre os ríos Burellum e Aurium" (río Ouro). 
Talvez correspondese cunha*(uilla) Burella, a rentes do dito río, onde estaría inicialmente a igrexa de Santa María, tal como figura nun documento do 1124:
 ".... De Torrentes usque ad aquam de Lacu post partem regis sancta Maria de Burela sancta Maria de Ceruo sancta Maria de Liano .." (cf. ITGM).

Este topónimo foi estudado por filólogos como E. Bascuas, que o interpretou como diminutivo en -ella dunha forma *bura, cun significado similar a "fervenza", e derivado da raíz indoeuropea *bher- 'ferver', frecuente na hidronimia europea (mesma orixe que a de Riobarba", a partir de "río Barba" no Vicedo ou "Barbas" en Cerdido). Cf. p. 24 e ss. de E. Bascuas, 2014 "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega".

Atopamos outros dous núcleos de poboación con este topónimo, coa forma "Borela" en Cotovade e en Meira (Pontevedra), atestados no dicionario de Madoz (séc. XIX).

BURGO, O
Do xermánico burg 'fortaleza, castro', do cal pasou para o latín.
Na Idade Media nomeaba un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha
cidade amurallada, para designar, posteriormente, unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000). 

CABO FORCADO
Posiblemente relativo a unha bifurcación, quer da punta ou cabo, dun río, camiño, cordal. 
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.
A mesma interpretación dáa Coromines na toponimia catalá, con alta frecuencia dos correspondentes "Forques", Forcat(s), Forcada (-es), Forcall, Forquet, aludindo a un accidente xeográfico, quer a unha bifurcación nun camiño, río, val ou barranco.

CABOZO DE ANGÁN
Cabozo dun dono apelidado Angán. O nome "Angán" talvez derive da forma en xenitivo Ancani, dun posuidor chamado Ancanus, hipocorístico de Ancus

CABOZO DE BALTAR
Cabozo dun dono apelidado Baltar.
O nome "Baltar" proviría de *Waltarii, dun posuidor Waltarius, nome de orixe xermánica. 

CABOZO DE CALLÓN
Cabozo dun dono apelidado Callón. O nome "Callón" podería derivar da forma en xenitivo Callionii, dun posuidor chamado Callionius. En xeral, o topónimo "Callón" é derivado do celta calio 'pedra'.
Sanz Alonso rexistra na provincia de Valladolid a voz callón ‘arroyo, torrentera de agua llovida’, que talvez poidera ter a mesma orixe etimolóxica (cf. B. Sanz, 1997. "Toponimia de la provincia de Valladolid. Las cuencas del Duero, Pisuerga y Esgueva")

CACHÓN, O
Sinónimo de "fervenza","cascada".

CAMIÑO DO TALLO
Un "tallo" é unha finca de pequenas dimensións (o mesmo que "lucha"). Aparte dos significados relativos a "corte", o termo tallo tamén ven no dicionario como "cuadrado de viña".
O cognado portugués talho tamén ten o significado de "finca onde se plantan cebolas, fabas. Cf. aquí.
Outra orixe podería ser dunha raíz indoeuropea *tā- 'derreterse, fluír', 'mofo', o mesmo que outros topónimos como "Tallobre". Cf. aquí.

CAMIÑO DOS CORGOS
Os dicionarios rexistran "corgo" con varias acepcións, maiormente como "poza, charca", e nun sentido relacionado "pequenas foxas onde apoza a auga". Tén ademais o significado especializado de "poza onde se curte o liño". Cf. aquí.
Aínda que ten tamén a acepción menos estendida de "corga, corredoira", neste topónimo en plural non encaixa, non ten sentido que haxa un conxunto de corredoiras.

CAMIÑO DOS LAMAZÁS
A palabra "lamazal" indica un lodeiro, un sitio onde abunda a lama.

CAMPÓN, O
Prado de secaño de moita extensión. Cf. DdD.

CANOUQUIÑOS, OS
Diminutivo en plural de "canouco. O apelativo "canouco" está rexistrado nesta zona como o nome dunha alga castaña, a Laminaria digitata. (cf. M. do Carme Ríos, "Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Verba anexo 19").
Neste caso, onde este topónimo dá nome a un con costeiro, parece encaixar esta acepción.
A etimoloxía é incerta. En xeral, o sufixo "-ouco" é de orixe prerromana, aínda que tamén seguiu produtivo no romance, así "pedrouco", "penouco".

CAPELADA, A
Probablemente estemos diante dun uso metafórico de "capela", non no sentido de igrexa pequena, senón de diminutivo de "capa", indicando metaforicamente a forma do monte, semellando a un sombreiro cónico.
Os dicionarios rexistran para "capela" a acepción de "coroza", que era a capa, con carapucho, feita de palla ou xuncos e que se usaba antigamente para se protexer da chuvia  (cf. "capela", L. Carré Alvarellos (1928-1931), "Diccionario galego-castelán").
O Nomenclator rexistra varias "A Capelada", todas elas no curuto de monte ou preto del.
Así, ademais da Serra da Capelada, atopamos  "A Capelada" en Muras e en Ortigueira, así como "O Capelado Pequeno" na Lama (Po).

CARDOXE
Posiblemente de *(uilla) Cardosii, forma en xenitivo de Cardosius, o nome do antigo posuidor da uilla altomedieval.

CASTELO DAS POMBAS, O
Para o significado do topónimo deste illote, ver "Monte Castelo".

CASTRELO
Diminutivo de castro, do latín castrum ‘castelo, fortaleza’. En galego designa un tipo de asentamento prehistórico característico do Noroeste peninsular, aínda que tamén é usado na toponimia para se referir a outra clase de edificacións semellantes ou mesmo a unha elevación do terreo onde puidese ter existido un castro (cf. P. Martínez Lema, 2012. "Toponimia de Begonte e Rábade").
O uso co diminutivo en -elo indica que é un topónimo antigo, como mínimo de orixe medieval.

CASTRILLÓS, OS
Derivado de "Castro", posiblemente non no sentido de "asentamento prerromano" senón simplemente como "altura".

CHATA DA XULIEIRA
O nome desta punta costeira indícanos a abundancia de "xulias", un peixe cuxo nome científico é Coris julis.
É frecuente a referencia a peixes na toponimia costeira, así temos a "Punta da Rubaleira" en Xove, a "Punta dos Monxes" en Suegos (O Vicedo), "A Bogueira" en Barreiros, a punta "Besugueira" en Burela, a "Punta dos Mógaros" en Nois, "Punta de Anguieira" en San Cosme, etc.

CHAVIÑA. A
Probabelmente diminutivo de "Chave", relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un “recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados” (cf. Elucidário). 

Aínda que improbábel, dada a abundancia do topónimo "A Chave" por toda a Mariña, tampouco podemos desbotar neste caso, sendo un núcleo de poboación, que derive de *(villa) Flavina, dun antigo posuidor chamado Flavinus, hipocorístico de Flavius, nome de orixe latina. A existencia doutra "A Chaviña"  nunh zona de prados, non habitada, en Rúa (Cervo), parece reforzar aínda máis o improbábel desta segunda interpretación.

CON DE LOURIDO
Un "con" é definido no dicionario como "penasco, rocha elevada, pena no mar". Cf. DdD.
En canto a "lourido", xeralmente indica "lugar onde abundan os loureiros", aínda que, dada a localización deste con parece especialmente improbable.
Cremos que neste caso tén orixe prerromana, referida a sitio rochoso. Sería, por tanto neste caso, unha tautoloxía, dado o nome de "con".
Tampouco pode desbotarse unha orixe prerromana distinta, relativa a hidrónimos, sendo este un con ("penedo no mar").
Si que rexeitamos unha orixe antroponínimica: o apelido "Lourido" ten frecuencia nula nesta zona da Galiza.

CONDOMIÑAS
Terras en condominio, do latín medieval condominia, plural de condomĭnĭum ‘condominio, terra de dominio compartido entre varios donos, señores ou posesores’. Os topónimos que conteñen este nome son polo regular de orixe
medieval e poden designar tanto núcleos de poboación como tamén herdades ou áreas rústicas que no pasado tiveron un réxime de propiedade desas características. 

CORDÓN
Posiblemente de *(uilla) Cordonii, forma en xenitivo de Cordonius, referido ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").
Con todo, hai que tomalo con reservas, xa que non posuimos documentación antiga que o demostre e que tampouco da existencia na Gallaecia deste antropónimo, que si está rexistrado na Lugdunense.

CORTIÑAS
CORTIÑAS DE VILAR
O termo "cortiña" vén do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ (e cohorticulum, ‘cortello’). 
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

COTELLÓN, O
Diminutivo de "coto"  "coto", voz de orixe prerromana que indica 'a parte máis alta dun monte, que ten forma cónica' (cf. RAG).

CUMIO DE ABEDOEDO
Indica un cume de monte, no cal  abundan os bidueiros. 
O termo "abedoedo" non é máis que a grafía alternativa de "biduedo", derivado de bidueiro, co sufixo abundancial -edo.

ENCHOUSOS, OS
De "enchousa": herdade ou finca rústica de algunha extensión, cerrada ("chousada") toda con muro ou valado.

ESCALLAR
Aínda que non recollida por Navaza no seu estudo de fitotoponimia galega, podería indicar un abundancial, un lugar onde abundan os "escallos". O termo "escallo" é definido nos dicionarios galegos como "chantón, enxerto".
Por outro lado, noutras xeografías próximas atopamos outras acepcións, tamén relacionadas co indicado latín squalidus: o filólogo García de Diego recolleu variadas acepcións fitonímicas, entre elas o asturiano escayu ‘zarza’, o cántabro escajo ‘toxo’ o el portugués escalheiro ‘silveiral’. No mesmo sentido, para o portugués escalheiro indica que "se usa tanto para ‘espino, Crataegus monogyna’ como para ‘galapero, peral silvestre, Pyrus sp.’ " (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).
Todos as acepcións mencionadas estarían en relación co baixo latín squalidus, 'áspero, erizado, rugoso', 'inculto' (de squalere, 'estar en barbeito')
Considerando esa etimoloxía, hai quen o interpreta como "un terreo ou lugar que non foi comprado senón apropiado por estar abandonado, quer por non ter dono ou por estar inculto" (cf. aquí). Rivas tamén menciona esta orixe (cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007). 
Atopamos tamén un "O Escallal" no Valadouro.

ESQUEIRA 
En xeral, o apelativo "esqueira" é sinónimo de "escada". 
En particular, o cal pode ser o caso, unha "esqueira" é unha escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos comareiros.

FÓCARO
Algúns dicionarios de galego definen "fócaro" como 'cárcava, barranco'. Cf. A. Otero (1949) DdD.
Neste caso, ao tratarse dun "accidente costeiro", parece encaixar nesta definición.

FOLGUEIROSA
Topónimo que nos remite a un lugar no que abundan os felgos.

FONTAO
O nome deste núcleo de poboación probabelmente  sería derivado de (agru) fontanu, derivado de fons 'fonte' (cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa").
Outra posibilidade sería que derive dun posuidor chamado Fontanus (cfr. Cabeza Quiles). Tanto neste caso como no "Fontao" de Boimente (Viveiro), son topónimos de núcleos de poboación.

FONTELA, A
A voz "fontela" remite a unha fonte que ten un caudal moi escaso.
É unha forma derivada de "fonte", co antigo sufixo diminutivo -ela. Poderíamos dubidar se vén de fonte + -ela ou directamente do latín fontanella(m). Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña"), ao aparecer tamén a variante "fontenla".

FORCÓN, O
O dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo". A súa aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca", é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato.
Noutros casos podería referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

FORNIÑOS
Forma en plural de "forno", co diminutivo en -iño, común a partir da Idade Media.
Aínda que o significado da voz "fornos" sexa transparente, non o é a motivación para asignarlle este topónimo ao predio ao que fai referencia.
Por un lado, pode remitir á existencia de fornos de tella, que se construían preto das barreiras das que se extraía o material. Por outro lado, tamén encaixaría un uso metafórico, relativo a dolmens ou a cistas prehistóricas: tal como indica Manuel Lorenzo (cf. Toponimia de Dodro e de Laíño), "díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros". Lembremos o exemplo do "Forno dos Mouros" en Mañón.

FOXO, O
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. 
En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras". 
Por tanto, neste campo talvez houvese unha trampa (para caza de animais) ou talvez indique simplemente un desnivel (valado) do terreo ou tamén a existencia dunha cova. 
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciños de San Pantaión e Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (cf. aquí)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

FRANCO, O
Os termos "franco", "francos",  e similares terían relación con antigos colonos extra-peninsulares e/ou tamén por ter excencións de taxas.
Ver artigo específico no blog Pena da Cataverna.para máis detalles.

A GALLETA
O nome "Galleta" deste cantil indica "cantil rochoso", e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. 
Hai tamén en Burela a "Ronca das Gallas", outro cantil coa mesma orixe.
Ver blog Pena da Cataverna para máis detalles.

GALVÁN, O
Ao tratarse dun topónimo menor, podería referirse ao alcume dun antigo posesor.
Alternativamente, este Galván estar ligado ao antropónimo homónimo, que vén do francés Gauvain, á súa vez do galés Gwalliadvwyn 'cabelo brillante'. A difusión deste nome viría a través da popularización dos ciclos artúricos na Península Ibérica. 
Boullón Agrelo indica que comezan a aparecer nos finais do s. XV, aínda que no caso concreto de Galván, o seu uso como alcume xa se atesta nos finais do s. XIII (cf. A. Boullón, 1998. "A influencia franca na onomástica medieval galega". In "Homenaxe a Ramón Lorenzo").

GORIDAS, AS
GURIDASAS
O substantivo "gorida", coas variantes garida e gurida, significa "abrigo, refuxio". (cf. J. S. Crespo, "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego". 1985).
Do latín vulgar, ten orixe xermánica, no gótico warjan ‘apartar, prohibir’ (DCECH, s.v. guarecer).

GRANDAA
O termo "granda" ou "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

GRALLEIRA
A
O nome deste lugar,  indica "lugar onde abundan os grallos"; é sinónimo de "grallal", do que tamén existe o correspondente topónimo en Covas (Viveiro).

GUINCHEIROS
O nome desta punta costeira posiblemente derive de "guincho", indicando penas puntiagudas, 
aguzado. 
Alternativamente, de "aguiucheiro", lugar frecuentado polos aguiúchos (os pitos das aguias). O engadido do -n- poderíase explicar pola interferencia co termo "guincho". De feito, existe unha punta costeira en Portocelo (Xove) chamada "Guiuncheiro".

HUCHASAS
Temos varias "Ucha" en Laracha, en Ferrol, "Hucha" en Valdoviño, correspondentes a accidentes costeiros, en zonas rochosas, e nunha zona de rochedo "A Ucha das Covas" (Lobios), o mesmo que "A Ucha Nova" en Louro, para os cales non encaixa a orixe no latín ustula, no sentido de lugar queimado ou onde queimaban.
Máis ben, considerando os casos mencionados de accidentes costeiros e ladeiras con rochedo, podemos interpretar "ucha" como unha aplicación orográfica do apelativo "hucha" no sentido de "lugar nunha vagoada", o que parece encaixar tamén neste caso ao tratarse dun cal. Ocorre o mesmo con "Uchas de Abaixo" en Riós, no que se trata dunha valgada.
Autores como C. Búa (cf. p. 141 "Onomástica Galega II") relacionaron topónimos "Ucha" co latín ostia, plural de ostium 'esteiro, porta'. No entanto, neste caso de Burela, ao ser Huchas, en plural, tórnao máis difícil, Indicaría talvez a existencia de pequenas bocas de río, de pequenos esteiros, o cal parece confirmar a súa situación preto do porto.
No entanto, aínda que moitos topónimos "Hucha(s)" no territorio galego se localicen preto do mar, non nomean esteiros senón rochedos maiormente. 

LAGOAA
Do latín lacuna 'concavidade'. É interesante notar que, nese sentido de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media: "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova).

LANGOIRA
Este topónimo, existente en Xove, Cervo, Burela, Viveiro, Sarria, Pastoriza, Samos, tén orixe prerromana, posibelmente cun carácter hidronímico, e indicaría algo similar a "rego longo" ou "rego da encosta".
Ver entrada blog Pena da Cataverna para máis detalles.

LAMESTRA
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "A Lamestra" en Vieiro (Viveiro), Moucide (Valadouro), As Lamestras en Morás.

LODEIRO, O
O termo "lodeiro" indica unha "lameira, terreo con lama". 
Ten tamén unha segunda acepción de "árbore tamén chamada lamigueiro, lotus", aínda que máis improbable, por ser un topónimo frecuente demais para facer referencia a unha arbre incomún. Cf. DdD.
Alternativamente, de Lotariu, nome de orixe xermánica. Porén, podemos descartar esta interpretación, por múltiples razóns: levando artigo diante é improbábel, non se tratando dun núcleo de poboación é pouco probábel. A conxunción destas dúas condicións tórnao practicamente imposíbel. 

LÓNGARA, A
LÓNGARAS, AS
Alude a (terras) lóngaras, 'terras alongadas, un pouco longas'. En efecto, "longarela" é diminutivo de "lóngara", o cal está recollido en galego co significado de "terreo de forma alongada" (cf. Rivas Quintas,  Frampas).
En canto á etimoloxía, termo "longara" xa aparece atestado en documentos galegos en latín do ano 936 (cf. CODOLGA):
estremiro, ipsa terra que iacet de vallo usque in Longara, ipsa vinea cum suos pumares, et ipsa terra
Ao non aparecer atestado ningunha vez nin "longula" nin "longola", podemos pensar que non deriva de longula, senón directamente do sufixo -ara, tal como gándara.

MAROSAA
Etimoloxía incerta.
Posiblemente da raíz prerromana *mar-, *mor- 'pedra, rocha', moi frecuente na toponimia galega, segundo distintos investigadores.
Así, p. ex. Martínez Lema cita A Marola (nome dun famoso illote do concello de Oleiros), o monte da Marola Grande (Monfero) ou a illa da Morosa (Corrubedo) e o dun illote da Morosa (Cambados) e a praia da Amorosa (Viana do Castelo, Portugal). Coa mesma raíz os varios Maroña(s), co típico sufixo prerromano -oña. 
Apunta tamén P. Martínez que na colección diplomática do mosteiro de Santa María de Meira, é citado un Pelagio Marose que, talvez, podería corresponder con este topónimo.

MILLARAL
O termo relativo a "cultivo do millo", co sufixo -al, indicando "lugar onde abunda o millo" ou "lugar que produce bon millo". Ao ser un topónimo antigo, podemos supor que "millo" refeie ao  "millo miúdo" ou "paínzo", que se viña cultivando en Europa desde a antigüidade, e era o que se chamaba "millo" antes de ter chegado o millo da América.

MONTE CASTELO
Topónimo con orixe na palabra latina castellum ‘forte, reduto’, diminutivo de castrum ‘campamento fortificado’. É un topónimo moi frecuente en Galiza.

A motivación deste topónimo  pode vir  tanto dunha fortificación medieval como por unha aplicación metafórica para nomear un outeiro do terreo, houbese ou non algún tipo de fortificación. Os vestixios de castros prehistóricos tamén reciben este nome, polo xeral ao estaren situados en lugares elevados no terreo, non por unha referencia a unha entidade xeográfica ou étnica dos pobos da Gallaecia durante a administración romana.

MONTE DO FORO
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

MONTE MEAO
O termo "meao" era a forma medieval por "mediano, do medio". Por tanto, este topónimo indica "monte do medio", pola súa situación de equidistancia con respecto a algo.

MONTE 
RAÑADOIRA
Os termos "rañadoira" e "rañadoiro" indican un 'monte baixo con carqueixas, moi pelado polo gado'. Cf. RAG.
Deriva de "raña" 'lugar pelado e pedregoso'.

NADELAS
Os topónimos "Nadela" e "(As) Nadelas" son relativamente frecuentes en Galiza. No caso que nos ocupa, en Burela, o topónimo da nome a un cantil. Tendo en conta que o Nomenclator rexistra tamén un "O Nadelo", entidade de poboación, na veciña Rúa (Cervo), podemos pensar que o nome deste cantil remitise a algún habitante ou oriúndo do dito lugar de "O Nadelo".

Máis alá da interpretación deste "Nadelas", en canto á motivación e significado dos topónimos "Nadela" e "Nadelo", en xeral, aínda que os dicionarios de galego non rexistran a voz "nadela", o máis probable é que aludan a un manancial, nacente de augas, fontela.
En efecto, esta voz recóllea Figueroa Panisse coa acepción de "Nacente / Gorgulhao / Fontenla" (cf. A. Figueroa, 1988. "O problema da fixaçao da linguagem científica numa lingua em vias de normalizaçao: O caso do galego"), e indica que a recolleu en conversa con Rodrigues Lapa.
Similarmente, Lorenzo Baleirón indicou que "quizais algúns deles [Nadelas] sexan mananciais ou fontes onde as augas nacen" (cf. M. Lorenzo. "Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga").

Por outro lado, cremos que é extremadamente improbable a interpretación dalgúns autores para "Nadela" como aludindo ao nome personal latino Natella 'filliña', diminutivo de Nata. Primeiramente pola relativa alta frecuencia dos topónimos Nadela e Nadelas, que se for esta a razón, non se correspondería coa súa infrecuencia documental. Segundo por atoparmos varios deles en plural "Nadelas", máis improbable para topónimo persoal. Terceiro porque a existencia dun "As Nadelas", con artigo, torna aínda menos probable que remita a un nome de persoa. Cuarto, pola existencia dunha entidade de poboación "O Nadelo" (Cervo), con artigo, que o torna tamén altamente improbable que derivase dun nome persoal.

NAVIAS
É aceptada a orixe prerromana de "Navia", aínda que os autores discuten se se trata dunha palabra celta ou se paleoeuropea (pre-céltica). 
Polo xeral acéptase para "navia" unha orixe hidrónimica indoeuropea, talvez da raíz indoeuropea que Pokorny reconstrúe como *enebh-,‘húmido, auga’, de onde tamén ‘vapor, néboa, chuvia’. Por outro lado, a raíz prelatina *nau relacionada con concavidade do terreo, considerada antigoeuropea por algúns, figura ben documentada. J. J. Moralejo recolle aquí unha relación de distintas hipóteses.
É importante salientar que, en caso de ter este lugar de prados este topónimo "Navias" desde antigo, sería moi interesante ao ser en plural, o cal indicaría posiblemente un uso apelativo, conservado aínda na fala romance, e descartaría máis improbable a teoría de ser "Navia" un teónimo (en concreto, referido a unha ninfa ou deusa das augas).

PACIOS
Xeralmente, o termo "pazo" e "pacio" derívase de palatium, usado no sentido de "casa señorial".
Porén, o lugar onde se encontra "Pacios" non parece que tivese un palacio. Este é un caso máis do abondoso deste topónimo en Galiza, que dificilmente en moitos dos casos poderían corresponder cos palatium latinos no sentido de "casa señorial".
J. J. Moralejo refire estes topónimos ao prelatino palatio,  "lugar pechado no monte onde se gardan ou recollen temporalmente animais, curro". Cf. J. J. Moralejo (2007) "Callaica Nomina".
Un estudo sobre etimoloxía asturiana, dá unha terceira acepción, relacionada coas outras dúas: en Asturias, parece que Casar (latín casam)  referencia  un conxunto de construcións individualizadas dentro dun núcleo de hábitat, mentres que Palaciu (latín palatium)  refire a un lugar construido un tanto lonxe do núcleo populacional. Cf. tamén Callaica Nomina.

PARDIÑAS
O topónimo "pardiña" deriva do latín parietina  'casa en ruínas, paredes', e despois pasou a ter un significado de "devesa ou terreo acoutado".

PAREDES
Probablemente aluda, de modo similar ao uso de "Pardiña" (latín parietina),  a unha "casa en ruínas, paredes en ruínas". Tamén pode remitir a un predio chousado, a unha chousa cerrada de paredes.

PASADIÑAS
Forma en diminutivo plural de "pasada".
O apelativo "pasada" remite xeralmente a un lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción  consérvase na toponimia de toda a zona: en Foz, Alfoz, Mañón, Viveiro, Muras ("A Pasada do Río", "A Pasada do Portancho", "A Pasada do Cal do Medio", ..).

PEDRÓN, O
Os dicionarios galegos inclúen "padrón" e "pedrón" como "Marco; poste de pedra alta e grosa que serve de indicador ou sinal" (cf. DdDe L . Carré, DdD). 
Igual significado é recollido no portugués antigo "marco ou marcos de pedras altas que ainda hoje vemos nos antigos coutos" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

Para o apelativo "pedrón", Eladio Rodríguez indica que
       "llaman también así nuestros campesinos al menhir". 
E puntualiza Filgueira Valverde en que 
     “no siempre el topónimo indica un monumento prehistórico, puede tratarse de un miliario, de un hito liminar o sencillamente de una “piedra hita” natural”. Cf. X. Filgueira Valverde e A. García Alén. , 1977. "Inventario de monumentos megalíticos. .."

En calquera caso, aluden a unha pedra singular, probablemente arqueolóxica, un marco, un menhir, un miliario. É análogo ao portugués pedrão o padrão, para os que Machado (DEP) dá a seguinte atestación do século XIV: 
          “acharom sobre uũ pedram letras escritas dentro da pedra”.

Estes topónimos foron tamén analizados por J. Moralejo coas mesmas conclusións (cf. J. Moralejo, 2007. "Callaica Nomina") con similares conclusións.

Por outro lado, o termo petronus está tamén rexistrado no latín tardío, e Du Cange dálle o significado de acervus lapidum 'morea de pedras' (cf. Du Cange. "Glossarium mediae et infimae latinitatis"  aquí).

Finalmente, indicar que Corominas apunta a posibilidade de que algún deles remonte en realidade a un celtismo petronu, adxectivo formado sobre petru, que nas linguas celtas é o número "catro", en referencia a unha encrucillada ou xuntanza de catro camiños (cf. Corominas, DCECH, s.v. padrón).

PELAMIOS, OS
Plural de "pelamio", "lugar onde houbo curtidorías de pel". Cf. F. Cabeza "Os nomes de lugar".
Tamén pode vir referido a posesores que eran curtidores.

PENACOVA
Composto "Pena Cova", sendo "cova" o adxectivo sinónimo de "cóncava, combada".

PENA GUIEIRA
Posiblemente a transcrición deste composto debería ser "Pena Aguieira", "pena onde paran aguias", talvez nun sentido metafórico.

PENAS DE ARCA
O termo "arca" indica polo xeral un dolmen ou túmulo descoberto. Moitas veces as "arcas" ou "mámoas" eran usadas como marco entre dúas comunidades, e por iso, algunhas veces "arca" indica un antigo marco divisorio.

PENAS MEÁS
O termo "meá" era a forma medieval por "mediana, do medio". Por tanto, este topónimo indica "penas do medio", pola súa situación de equidistancia con respecto a algo.

PENOURAL, O
Este topónimo, que dá nome a unha praia, deriva de "pena", incluíndo o sufixo abundancial -al. 
Neste nome, o elemento "-our-" é de orixe incerta, non existindo ningun "Penouro" coñecido. 
Cremos que podería derivar  dun composto "pena" + "ouro" + "-al". O elemento "ouro" viría da raíz indoeuropea *awr-, relativa a correntes de auga, a mesma que a do río "Ouro", antigamente documentado como Aurio. Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 
Existe outro "Penoural" en Foz, tamén noutra punta costeira, o cal parece reforzar esta hipótese de composto incluíndo un hidrónimo prerromano.

PERDOURO
Este topónimo probablemente sexa un composto de "Pedra de Ouro", sendo o termo "Ouro" de orixe prerromana, de carácter hidronímico, e podería indicar un "tramo longo de río, ribeira, costa".  

En efecto, o elemento -ouro posiblemente derive da raíz prerromana *awr-, relativa a correntes de auga. Esta é a orixe que varios autores, como E. Bascuas, asignan a topónimos similares como o río Ouro, antigamente documentado como Aurio.  Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

Neste caso, dada a situación, indicaría "pedra na costa". En calquer caso, esta é apenas unha posible interpretación deste topónimo, e sería preciso dispor de documentación antiga para poder ter máis seguridade na hipótese.

PIEGOS
Posiblemente de "piago". Os termos "piago ou "peago" indican unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.

POMEDA
O mesmo que "pomar", lugar plantado de maceiras (por veces "horta"), neste caso con outro sufixo abundancial (-eda).

PORTELO
Diminutivo de "porto", neste caso, porto de mar.

PRAIA DO CANTIÑO
O termo "cantiño" é a forma en diminutivo de "canto".  O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente probable en topónimos como  "O Canto do Pazo" (Cervo), "O Canto da Vila" en Silán (Muras), ou "O Canto do Prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe estranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.
Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. aquí). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).
O topónimo "Canto" é frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón.

PRON
Posiblemente de *(uilla) Apronii, forma en xenitivo de Apronius, referido ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). O nome é de orixe latina, derivado de aper/apri 'porco bravo'.
Esta foi a interpretación de Piel para os topónimos Vilaproi (Portomarín) (cf. J. Piel, 1984. "Novissimas achegas à história da tradição antro- toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico",  Verba 11). 

PUÍDA, A
O termo "puída" é o mesmo que "polida, brillante". 

PUMARIÑO
Diminutivo de "pomar", 'lugar plantado de maceiras', por veces significando 'horta'.

PUNTA DA RONCA
O termo "ronca" é usado na costa da Mariña Occidental para denominar a unha punta de forma redonda que se introduce no mar. 

PUNTA DE ANCARES
Ver "Ancares".

PUNTA DE TECELÁN
O dicionario define "tecelán" como sinónimo de "tecedor", que fabrica tecidos.
Boullón Agrelo  indica o alcume medieval "Tecelán", atestado como teçelam en 1275. Cf. p. 426 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".
No entanto, tendo en conta a existencia dun  "Coído da Tecelá" en Bares (Mañón)semella improbable a existencia de dous topónimos Tecelán ou Tecelá referidos a dous coídos ou cabos, que nada parecen ter que ver con tecedores.
O dicionario tamén indica a acepción de "gavián". Considerando o anterior, esta segunda acepción tórnase como posible.

PUNTA DO CANTIÑO
Véxase "Praia do cantiño".

PUNTA DO GUILLOTE
O significado de "guillote" énos incerto. No entanto, podería vir dun "Aguillote", derivado de "aguillón" co sufixo -ote. Non sería un termo estraño para unha punta costeira.
Tamén podería provir dun "Gallote". É importante notar que a evolución "gallote" > "guillote" non tería nada de particular, sendo un fenómeno común no galego a palatalización de vocais átonas en posición pretónica, tal como aconteceu con foxoa>fixoa, folloa>filloa, etc. (cf. P. Martínez Lema aquí).

QUINTAS, AS
Plural de "quinta", probablemente no sentido de "casa de campo con herdade arredor".
Aínda que a acepción anterior pareza a máis probable, ao tratarse do nome dun núcleo de poboación, tampouco se pode descartar que teña derivado dunha partilla de finca efectuada a quintas, ou ben dun pagamento de foro consistente nas quintas partes do producido pola finca.
Rexístranse tamén en moitos outros sitios en Galiza, como e.g. en Mañón e en San Sadurniño.

REQUEIXO
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf.  DdD), ou tamén lugar apartado, nun recanto. E. Rivas especifica que é a zona 'parte inferior do monte, ao pé do vale'. Cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007. 
Segundo Bascuas (cf. E. Bascuas, VERBA, 2000), viría da raíz prerromana *rek-, presente en palabras como "rego" (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".

RÍO DE ANCARES
Ver "Ancares".

RONCA DA COVA MOURA
RONCA DAS GALLAS
RONCA DE ANCARES
O termo "ronca" é usado na costa da Mariña Occidental para denominar a unha punta de forma redonda que se introduce no mar. 
Canto ao nome "Gallas" deste cantil indica "cantil rochoso", e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'.  Hai tamén en Burela "A Galleta", outro cantil coa mesma orixe. Ver entrada do blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Canto a "Ancares", ver "ANCARES".

ROZA DA LEÑA
ROZAS VELLAS
O termo "roza", do latín ruptia, refrie a un "(monte da) roza", monte que se roza e cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

SALGOSAS, AS
Este topónimo, derivado de "(terras) salgosas", 'con sal', está presente tanto nunha zona de val como nun coído. O sufixo abundancial -osa, indícanos un "lugar saíño, onde abunda o sal".

SANTOALLA
A forma Santoalla é unha das posíbeis evolucións  do latín "Sancta Eulalia" para o galego. Refírese ao nome dunha mártir cristiá dos finais do século III . 
Alén desta forma, na toponimia galega tamén atopamos as formas alternativas Santaia e Santaballa.

SOBRANIDO
Composto de "Sobre Anido", 'situado máis arriba de outro chamado Anido'. 
O topónimo "Anido" ten unha orixe  na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema  foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría". Estudios Mindonienses 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).

Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.

Este tema *an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares(< *an-aris), Ar(< *an-are). É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro".  Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido". 

Cabeza Quiles propón  unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro (do mesmo modo que somnu > sono (cf aquí), non o cremos probable, dada a existencia de topónimos como "Anero" en Cantabria, onde correspondería un **Añero.
Finalmente, cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira" poden ter  tamén a mesma orixe temática.
"Anido" é un topónimo frecuente en toda a Mariña (Mañón, As Negradas, Cangas, Frexulfe).

SOMOZA
Segundo Piel (cf. Revista Grial 91, 1986) proviría da palabra "soma" (do latín summa 'a máis alta', xunto co sufixo -oza, o mesmo de palloza). Segundo outros autores, viría do latín "Sub Montia" 'situado ao pé dos montes'.
No caso que nos ocupa, sen coñecer a situación, tampouco podemos desbotar que simplemente refira ao apelido dun antigo posesor.

SOUTEIRO
Composto de "Su Outeiro",  lugar situado ao pé dun outeiro.

SUARRIBAS
De "sub as ribas", lugar situado ao pé dunhas " ribas". O termo "riba", do latín ripam 'ribeira', xeralmente é referido á marxe dun río.

TIÑOSAA
O topónimo "Tiñosa", neste caso asociado a unha punta ou cabo,  é de orixe incerta.
A primeira vista, sería derivado de "tiña", nun sentido figurado (p. ex. 'rocha pelada'). Alternativamente, podía derivar da base  hidronímica   paleoeuropea *tin-, derivada da raíz *ta- 'derreterse, fluír lentamente'.
Neste caso, semella a priori máis próxima a idea hidronímica, aínda que se volve imposible elexir unha das alternativas sin documentación antiga.
O profesor Bascuas analizou estes topónimos "Tiñoso", "Tiñosa", sen inclinarse, nin pola orixe romance en "tiña" nin pola prerromana. Cf. p. 105 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

TOELO
Etimoloxía incerta.
O dicionario define "toelo" como 'pedra que forma algunhas canteiras en comarcas galegas'.
Alternativamente, entre outras hipóteses, podería ter unha orixe hidronímica paleoeuropea, quer relacionado con "Toedo" (e en Castela "Toledo"), quer como diminutivo dunha forma *Togio, que postula E. Bascuas para topónimos similares, e derivada da raíz indoeuropea *ta- 'fluír lentamente, lama'. Cf. E.  Bascuas. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").
Hai tamén un "Os Toelos" en Mañón, tamén como microtopónimo aplicado a zona de bosque.

TORNO, O
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

VENDAA
O topónimo deste núcleo de poboación deriva do latín vendita, referido a unha antiga venda (pousada), as cais se situaban á beira das estradas.

VESADAA
Do latín ‘terra versata’ "terra virada", de versu  ‘rego aberto polo arado’ e de versare ‘virar, voltear’.
Alternativamente, pode vir do latín adversata 'situada no aveso, no vesío'.

VILAR
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha villa, da cal se iría progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)"). É moi probábel que moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter agronímico, máis que de núcleos habitados.

Porén, na actualidade, os dicionarios refiren a un "caserío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". E. Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de L. Carré foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito".
Cf. DdD.

XARDÍN
Posiblemente este topónimo, situado nunha zona de prados, se refira ao significado obvio, probablemente metafórico,  pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados).
No entanto, algún "Xardín" poida vir de Sardini, a forma en xenitivo Sardinus, indicando un antigo posuidor,

XULIEIRA
O nome desta punta costeira indícanos a abundancia de "xulias", un peixe cuxo nome científico é Coris julis.

3 comentarios:

  1. Parabéns por esta preciosa publicación e extraordinario traballo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Xoán,
      Moi obrigado polos teus parabéns. O estudo da toponimia é unha actividade un tanto "marxinal", tanto polo número de escritores como de lectores, pero moi reconfortante. Por iso, comentarios como o teu motivan a seguir traballando.
      Grazas novamente!

      Eliminar